DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A presentación das conclusións do Catálogo de Economía Social no Concello de Santiago pecha o I Foro de Economía Social Inspiradora

15/12/2016 A Concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, pechou hoxe as sesións plenarias do primeiro Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na Adversidade, coa presentación das conclusións do Catálogo de Economía Social do Concello de Santiago, estudo realizado no marco das accións do programa Compostela Móvese 2016.

O estudo ten como obxectivos principais visibilizar e recoñecer o traballo, proxectos e valores das entidades de economía social do concello e identificar necesidades do sector para deseñar futuras accións ou medidas de apoio no futuro. Publicarase na web municipal unha vez maquetado ao longo do mes de xaneiro.

Partiuse dunha base de datos de 140 empresas das que participaron finalmente no mesmo 61, que aportaron datos sobre a súa actividade económica e valores de traballo. Cabe destacar que case a metade das entidades presentes no informe foron creadas nos últimos cinco anos e tan só o 6,7% teñen máis de 25 anos de antigüidade, o que dá boa conta do dinamismo nos últimos tempos da economía social.

O Foro de Economía Social que se celebrou hoxe no Cersia Empresa naceu co obxectivo principal de estimular a promoción económica centrada nas persoas como motores de cambio e na responsabilidade empresarial como factor clave do emprendemento sostible. Nel combináronse sesións plenarias con charlas inspiradoras de experiencias reais de emprendemento e con dinámicas grupais e actividades que axudaran ás persoas participantes a superar a negatividade e a coñecer mecanismos para afrontar retos e establecer redes de colaboración.

Concurso de ideas innovadoras para o emprego
No Foro tamén se buscaba coñecer e recoñecer o traballo de iniciativas e empresas con valores sostibles, igualitarios e solidarios. Neste contexto, Marta Lois, concelleira de Desenvolvemento Económico, e Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais, entregaron os premios do Concurso de ideas innovadoras para o emprego.

O primeiro premio foi para Root And Fish. GreenAquaculture, un proxecto innovador para o desenvolvemento de sistemas acuapónicos de depuración de augas residuais que permitirán mudar modelos de produción agrícola tradicionais por proposta sostibles e que teñen un impacto directo na creación de emprego. A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, entregou o premio a Silvia Calza.

O segundo premio foi para o proxecto de Avaliación Colaborativa do Vídeoxogo como Medio para a Educación, Formación Profesional e Convivencia Social, que aborda un reto de total actualidade e incidencia social, con orixinalidade e vontade de experimentación para propor solucións adaptadas ás necesidades da comunidade educativa compostelá. Silvia López Gómez, do Grupo de Investigación Stellae, recolleu o galardón de mans da concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois.

Compostela Móvese
O programa Compostela Móvese recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago, apoiándose nas principais fortalezas da cidade: capitalidade, proxección internacional, universidade, cultura e patrimonio e cumprimento dos criterios de sustentabilidade do territorio.

A segunda edición de Compostela Móvese conta cun orzamento total de 253.000 euros. O programa ten dúas grandes liñas de actuación diferenciadas. Por unha banda, hai unha liña de axudas á creación de empresas que busca apoiar o crecemento apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello. Por outra parte, lanzouse unha liña de actividades de dinamización económica que parte da base da riqueza en coñecemento, profesionais e ideas de Santiago e busca artellar espazos de intercambio, formación e crecemento, coma este I Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na Adversidade.

Compartir: