MEDIO AMBIENTE

Máis de 600 comensais aproveitaron os restos dos seus menús na campaña "Que che re-aproveite!"

14/12/2016 Ata 630 persoas levaron para a casa os restos das súas comidas durante a campaña Que che re-aproveite!, posta en marcha pola Concellaría de Medio Ambiente no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos. O obxectivo do programa, que se desenvolveu en colaboración coa empresa Novotec e no que participaron 25 restaurantes da cidade, era evitar o malgasto alimentario nos establecementos de hostalería. Para iso, os restaurantes que se sumaron á campaña repartiron bolsas e friameiras nas que os seus clientes podían levar para a casa a comida que lles sobrara, unha práctica moi habitual desde hai anos en moitos países do mundo.

Que che re-aproveite! desenvolveuse do 19 ao 27 de novembro, e neses días case 16.500 comensais foron informados do proxecto. Dos 1.800 que tiveron comida sobrante, foron 630 os que optaron por levar os restos para a casa. A iniciativa desenvolveuse de xeito paralelo no Concello de Lugo. Entre as dúas cidades, da campaña foron informados 27.000 comensais, dos que 3.400 tiveron comida sobrante. Entre estes repartíronse 1.520 friameiras e 130 bolsas para botellas. Deste xeito, estímase que se evitou desperdiciar uns 1.200 quilos de comida.

Seguimento nas redes sociais
Dende o 14 de novembro, máis de 130.000 usuarios seguiron a campaña Que che reaproveite! tanto a través da súa páxina de Facebook como dende o seu perfil de Twitter. Na páxina de Facebook contabilizáronse 2.570 interaccións e 420 "gústame" ata o momento, xa que a páxina continúa activa e segue ofrecendo información sobre a prevención da xeración de residuos.

En Europa, estímase que as perdas e desperdicio de alimentos chega aos 89 millóns de toneladas anuais. Os europeos tiran de media o 20% da comida que mercan, mentres que os españois, un 18%, equivalente a 2,9 millóns de toneladas anuais, valorada nuns 11 millóns de euros. A metade desta cantidade son froitas e verduras, seguidos de pratos cociñados na casa e/ou comida rápida. Máis do 45% deles poderían terse consumido. Como exemplo, o 30% da comida empaquetada desbótase antes de ser aberta.

Compartir: