PROMOCIÓN ECONÓMICA

Un estudo permitirá adaptar o desenvolvemento urbanístico do Polígono do Tambre ao novo PXOM

16/11/2006 Un estudo a realizar pola Concellería de Promoción Económica permitirá adaptar o Plan Parcial Urbanístico do Polígono do Tambre ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Será posible grazas ao convenio asinado por este departamento coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico.

O acordo contempla a realización dun estudo do desenvolvemento industrial da área de Compostela e conta cun orzamento de 86.000 euros, aportados pola Fundación. O seu obxectivo é regular as bases de colaboración entre ambos organismos, especialmente con accións referidas ao peche de ciclos produtivos industriais, formación para o persoal industrial, uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) por parte das empresas, e adaptación das infraestruturas das áreas industriais.

O universo deste informe está constituído polas empresas do Polígono Industrial do Tambre e inclúe un estudo técnico para adaptar o plan urbanístico deste espazo ao PXOM, para así definir ademais os usos posibles da parcela anexa á Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre. Os seus obxectivos son adecuar a nova normativa urbanística ás necesidades de organización empresarial que posibiliten unha maior competitividade, seguridade e aforro de custes, así como facilitar o proceso de implantación de novas empresas e a adaptación das xa implantadas no Polígono.

No convenio tamén se establece a elaboración dun mapa industrial: estudos sobre os procesos de produción, as oportunidades empresariais no tecido industrial compostelán e o uso das TICs nas industrias.

Mapa de perfís

A outra parte do acordo é a realización dun Mapa de Perfís Profesionais e dun Plan de Formación Adaptado para persoal do sector industrial: estudos sobre perfís profesionais demandados polas empresas, sobre as necesidades formativas específicas dos traballadores do sector e sobre a eficacia das actividades formativas que se levan a cabo. Teñen como obxectivo paliar as posibles carencias detectadas e mellorar a eficacia da formación ofertada na actualidade.

Este estudo complementará o Estudo sobre o grao de inserción laboral dos titulados en FP no Concello de Santiago, segundo o cal, o 75,68% dos enquisados traballaron despois de obter o título de FP. Deste xeito terase unha visión da situación do mercado laboral en Compostela tanto dende a perspectiva da oferta laboral coma da demanda.

Na sinatura do convenio estiveron, ademais do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, a directora Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, e o xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Luis Villasante.

Compartir: