CONSORCIO

A violoncellista principal da Orquestra de RTVE, Suzana Stefanovic, formará a intérpretes noveis

13/12/2016 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos/as. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza da violoncellista Suzana Stefanovic, os días 19 e 20 de decembro.

Ademais do alumnado da Escola, ofrécense prazas para músicos/as externos/as ao centro. As persoas interesadas en participar nestas sesións deberán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Suzana Stefanovic toca un violoncello de 1827
Suzana Stefanovic naceu en Belgrado, onde iniciou os seus estudos musicais aos sete anos de idade. Logo trasládase aos Estados Unidos e máis tarde a Barcelona, onde foi solista da Orquesta Ciudad de Barcelona e profesora no Conservatorio do Liceo. Leva case dúas décadas como solista da Orquesta de Radio Televisión Española e na actualidade é ademais profesora do Conservatorio de Guadalajara.

Dende os inicios da súa carreira musical ten gañado numerosos premios. Tocou coas orquestras máis prestixiosas de Europa, entre elas a Orquestra de Cámara Europea, e baixo a batuta de grandes directores. Ten estreado obras compostas para ela. Ofrece clases maxistrais por toda España e é convidada con frecuencia a impartir cursos en conservatorios e a traballar coas orquestras novas do país. Toca un violoncello Gaetano Guadagnini do ano 1827.

Compartir: