ALCALDÍA

A Corporación debaterá o xoves a municipalización da ORA e do guindastre

12/12/2016 O Pleno da Corporación debaterá na sesión ordinaria do próximo xoves a proposta para iniciar o procedemento de asunción directa da xestión do servizo da ORA e o guindastre a través de Tussa. Anunciouno hoxe o alcalde, que explicou que "deste xeito se producirá o último trámite administrativo para a remunicipalización do servizo, se así o estiman os grupos da Corporación municipal". Martiño Noriega mostrouse convencido "dos beneficios que terían esta xestión directa por parte de Tussa, que poderían reverter na cidadanía".

No texto que irá ao pleno do xoves, o alcalde propón á Corporación que inicie o procedemento de asunción directa da xestión do servizo de ORA e guindastre a través da empresa pública municipal Tussa, e que se constitúa a comisión técnica, formada por representantes de todos os grupos municipais. A comisión queda facultada para recabar o asesoramento especializado que xulgue necesario coa finalidade de cumprir o encargo legal.

O Consello de Administración de Tussa aprobara no pasado mes de setembro o informe de viabilidade que avala que a sociedade podería asumir a xestión do servizo, baseado nunha auditoría externa que igualmente avalaba a viabilidade desta municipalización. O alcalde lembrou que "todo o expediente deste procedemento foi impecable, e demostrou que é viable económica e xuridicamente que Tussa asuma directamente a xestión da ORA e do guindastre, do que se encarga actualmente unha empresa que lle paga un canon de 8.000 euros mensuais ao Concello".

Martiño Noriega lembrou que o Goberno iniciou este proceso despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulou a adxudicación do servizo á empresa Setex Aparqui, por incumprir o prego de condicións do concurso.

Compartir: