NADAL

A Maxia do Nadal convida a nenas e nenos a iren preparando as súas cartas

07/12/2016 Os concellos de Santiago, Ames e Teo colaboran por segundo ano na campaña, que desta vez leva por lema "Conto, canto o Nadal".

Por segundo ano consecutivo, os concellos de Santiago, Ames e Teo poñen en marcha de forma conxunta, e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que os cativos e cativas piden os agasallos.

Nesta edición co lema Conto, canto o Nadal, animan as crianzas a usaren o galego e falaren coa xente máis vella da súa contorna para descubriren como era o Nadal doutrora. Todo o descuberto (cantos, contos, xogos, tradicións, costumes, receitas propias desta época...) poderano compartir cos magos nunha carta da forma que eles ou elas consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

Os magos, moi amigos de todas as linguas do mundo, queren compartir coa xente máis miúda a mensaxe de que as linguas son coma as árbores, únicas e irrepetibles. Gardan a historia da nosa terra, dannos vida e contribúen a que o mundo sexa mellor e máis diverso ademais de fixarnos e identificarnos co territorio. Por este motivo anímanos a coidar e a usar o galego para que poidan seguir gozándoo os nenos e as nenas do futuro.

Os colexios están recibindo xa a cadansúa caixa de correo, así como un convite en forma de árbore no que un carrizo lles explica en que consiste a actividade e como poden participar. Entre o 20 e o 21 de decembro recolleranse todas as cartas dos colexios para facerllas chegar aos magos. Ademais, tamén se colocarán caixas de correo na Casa do Concello, nos centros socioculturais e na Biblioteca Ánxel Casal para que toda a veciñanza poida participar. Nestes puntos poderán depositarse as cartas ata o día 3 de xaneiro, incluído.

O obxectivo desta actividade é invitar os nenos e nenas, e as familias, a que utilicen o galego e o enriquezan coas persoas da súa contorna cun coñecemento máis amplo da riqueza patrimonial. Esas persoas poden transmitirlles contos, cantos de Nadal e de Reis, tradicións, xogos, receitas..., aproveitando o atractivo e a ilusión que se xera durante esta época de bos propósitos. A proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta dos nenos/as estea dirixida aos personaxes que se prefiran (O Apalpador, os Reis Magos, Papá Noël..) ou á propia maxia do Nadal.

Cartas-resposta con sorpresa incluída
Todos os nenos e nenas que participen e que indiquen o enderezo correctamente recibirán unha carta resposta cun pequeno agasallo de agradecemento, por iso é moi importante que cada carta inclúa os datos completos do neno ou da nena: nome e apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto.

Premios para as cartas máis interesantes e creativas
Ademais, haberá premios para as cartas máis interesantes e creativas. Valorarase a creatividade, a adecuación ao tema proposto e a idade. É fundamental indicar un número de teléfono da familia para que se poida contactar cos nenos e nenas gañadores e convocalos á entrega deses premios, o día 5 de xaneiro da man dos propios magos de Oriente.

Compartir: