DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Uns 150 nenos e nenas descobren o bosque secreto do Banquete de Conxo

02/12/2016 O Centro Sociocultural de Santa Marta acolleu unha charla de Quique Alvarellos para o alumnado dos centros de ensino de Conxo e Santa Marta sobre a historia do bosque no que se celebrou o Banquete de Conxo en 1856. A charla foi a última das accións en centros formativos do programa de educación para o consumo e promoción comercial Andar aos recados, que ten por obxectivo concienciar á cidadanía, especialmente ao alumnado escolar, sobre o consumo responsable, ao tempo que dinamice o tecido comercial de proximidade.

O xornalista, escritor e editor Quique Alvarellos naceu en Lugo, pero vive en Santiago dende que veu estudar a súa Universidade en 1989, aínda que, dende aqueles días e ata hoxe, viviu tamén noutros lugares como A Coruña (onde fixo un Posgrao en Comunicación), Vigo (onde traballou de xornalista) ou Zaragoza (onde coordinou o Pavillón de Galicia na Expo de 2008). Dende 2004 é veciño do barrio de Conxo.

Acaba de publicar o libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo, do que tamén é editor. Neste libro convídanos a viaxar a un bosque "secreto", no que se se celebrou o Banquete de Conxo. O Banquete de Conxo foi un acontecemento insólito na Galicia do século XIX. Brindouse pola democracia, pola igualdade de dereitos entre todos os seres humanos, e pola fraternidade universal. Participaron novos poetas como Aurelio Aguirre ou Eduardo Pondal e xuntáronse á mesa artesáns e estudantes.

A súa charla foi unha viaxe no tempo con imaxes, vídeos e música, ao bosque onde se celebrou o Banquete de Conxo. Esta viaxe permitiu aos nenos e nenas descubrir nel as árbores centenarias que, daquela época, aínda quedan vivas hoxe. Tamén aprenderon a identificar carballos e viron un vídeo actual do bosque de Conxo, un lugar que fascinou a Rosalía de Castro e onde situou unha das súas novelas.

En paralelo a esta acción, o programa de promoción comercial Andar aos recados busca afianzar o consumo responsable e o comercio de proximidade mediante unha campaña de fidelización que sexa quen de fomentar o consumo da cidadanía residente dos barrios na súa contorna mediante a emisión e o buzoneo de 2.500 tarxetas de fidelización. Para promover o seu uso, o tecido comercial propón neste folleto un desconto de fidelización para as persoas portadoras da tarxeta.

Este campaña é o cumio da actividade Aposta polo teu barrio, do programa municipal de dinamización económica Compostela Móvese 2016. Este programa recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago apoiándose nas principais fortalezas da cidade: capitalidade, proxección internacional, universidade, cultura e patrimonio e cumprimento dos criterios de sustentabilidade do territorio.

Compartir: