COOPERACIÓN LOCAL

Investigadores da USC visitan a empresa Finsa

15/11/2006 A terceira fase da Rede de Cooperación Local, na que participan 80 persoas relacionadas co mundo universitario e empresarial, entre elas 30 investigadores e 30 responsables dalgunhas das empresas máis representativas do tecido empresarial compostelán, comezou a súa andadura cunha visita guiada do persoal investigador e docente da USC á planta de produción e ás oficinas centrais da empresa Finsa.

Despois da visita tivo lugar unha recepción dos participantes na sede da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, para rematar a xornada cunha comida de traballo á que asistiu o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e uns 80 empresarios e investigadores. Tamén estiveron presentes o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato; o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias; a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso; o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Manuel Caeiro; o portavoz do BNG local, Néstor Rego, e o concelleiro do PP en Santiago José Luis Rodríguez Dacal, entre outros.

O proxecto de creación da Rede de Cooperación Local plantexouse co obxectivo de fomentar a colaboración entre a USC e o sector empresarial. Na terceira fase a intención da Concellaría de Promoción Económica é fortalecer e afondar nesa colaboración para abrir novos escenarios de cooperación e intercambio de ideas e experiencias, co obxectivo de que o trasvase de coñecementos beneficie ás empresas e as empresas conten coa Universidade no desenvolvemento de proxectos innovadores.

O programa de actividades da terceira fase da Rede de Cooperación Local, financiado pola Fundación Caixa Galicia a través dun convenio asinado co Concello de Santiago, péchase o 11 de decembro.

Compartir: