EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Municipal de Música uniuse á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

25/11/2016 Este venres, a Escola Municipal de Música, da man do seu director, Fernando Rey, e do seu xefe de estudos, Guillermo Alzugaray, quixo sumarse á conmemoración do día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Culminando o traballo de concienciación realizado durante a semana, o espazo de entrada da EMM acolleu un emotivo acto de escenificación dun compromiso que quere poñerlle freo a un dos máis graves problemas ao se enfronta sociedade actual, sabedores do desalentador e preocupante que resulta constatar que é nas xeracións máis novas onde as violencias machistas están tendo a súa maior incidencia. De aí que a EMM incorpore no seu proxecto educativo accións e propostas que axuden na abordaxe e no rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres.

O profesorado fai un reto desta vontade educadora para que o alumnado do centro de idades tan diferentes, máis de 400 alumnos e alumnas matriculados, achegue ao longo do curso escolar diferentes iniciativas que incidan nunha maior conciencia na erradicación destas conductas indesexables. Son moitas as manifestacións culturais nas que a EMM de Santiago participará ao longo dos vindeiros meses, nas que o compromiso da institución académica é o de mostrar unha actitude militante para a mobilización e a concienciación contra todo tipo de violencias.

Festival de Nadal
As distintas agrupacións da Escola Municipal de Música seguen preparando o Festival de Nadal, no que darán a coñecer o traballo desenvolvido ao longo do curso. A cita é o 14 de decembro no Teatro Principal.

Compartir: