BENESTAR SOCIAL

Sánchez Bugallo: "A concesión do premio Raíña Sofía de Accesibilidade Universal é unha chamada para seguir traballando no futuro"

15/11/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción pola concesión a Santiago do premio Raíña Sofía de Accesibilidade Universal 2006. En especial, quixo agradecer agradecer o traballo das asociacións que colaboran co Concello neste ámbito, como a Sociedade Comarcal de Xordos de Santiago, Confederación Galega de Minusválidos (Cogami) ou a Fundación Once, algúns de cuxos membros o acompañaron na valoración do galardón.

O alcalde lembrou o traballo realizado na cidade no campo da accesibilidade. En Compostela hai na actualidade 119 prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con mobilidade reducida. Ademais, 35 dos 42 autobuses urbanos dispoñen de axeonllamento dianteiro (baixa a suspensión na parte dianteira para facilitar o acceso). Na próxima renovación da flota a adaptación será total. Destes 35 autobuses, 17 dispoñen de rampa de acceso para persoas con mobilidade reducida. Os vehículos tamén dispoñen de timbre adaptado para minusválidos e asentos de fácil acceso. No eido do transporte hai que engadir dous taxis adaptados.

Para os peóns hai instalados 14 semáforos co óptica de leds e 15 con avisadores sonoros de voz. Outros catro máis antigos teñen avisador de pitido.

En total, no período 1998-2006 investíronse en Compostela 1.841.135 euros en obras de accesibilidade, grazas aos fondos achegados polo propio Concello, os fondos FEDER, o IMSERSO, ONCE, Comunidade Autónoma e Ministerio de Asuntos Sociais.

Edificio pioneiro en Fontiñas

Como novidade e ao respecto da vivenda, Sánchez Bugallo sinalou que se está a preparar un edificio en Fontiñas adaptado especificamente para dependentes, na primeira experiencia deste tipo que se fai en España. Igualmente, recordou a esixencia que existe na actualidade para que calquera polígono de vivendas estea adaptado ás persoas con dificultades de mobilidade.

O presidente da Sociedade Comarcal de Xordos de Santiago, Jaime Fernández, felicitou ao Concello de Santiago e manifestou a necesidade de "seguir traballando para mellorar a calidade de vida das persoas xordas e na eliminación das barreiras de comunicación". Neste sentido, referiuse á conveniencia de construír vivendas adaptadas ás persoas xordas.

Tamén Cogami, a través do seu vicepresidente, Anxo Queiruga, se uniu á felicitación por un galardón que cualificou como "un estímulo para seguir traballando na consecución dunha cidade para todos". Indicou que hoxe é posible moverse con autonomía polo Ensanche e outras zonas da cidade e que están previstas actuacións no Casco Histórico para achegarse tamén a este obxectivo.

Pola súa parte, a concelleira de Benestar, Adelaida Negreira, indicou que "o premio é sobre todo das persoas que traballan para a eliminación de barreiras". Ademais, incidiu en que "aínda nos queda moito por facer, especialmente na eliminación das barreiras psicolóxicas.

Eliminación de barreiras e guía

O xurado dos Premios Raíña Sofía apreciou o labor realizado en Compostela no eido da accesibilidade entre os municipios de máis de 100.000 habitantes. En particular, o galardón valora a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios, no transporte e na comunicación. Igualmente, recoñeceu a elaboración e edición dunha guía accesible que aglutina todas as actividades desenvolvidas sobre accesibilidade.

En termos xerais, a finalidade destes premios é recompensar una labor continuada, levada a cabo nun período de tempo non inferior a cinco anos, no campo da accesibilidade universal das persoas con discapacidade ao medio físico, a educación, o ocio, a cultura, o deporte, o transporte, o turismo e as novas tecnoloxías da información e da comunicación.

A cidade de Lugo foi elixida entre os municipios de entre 10.000 e 100.000 habitantes. Na modalidade de concellos de menos de 10.000 habitantes, os distinguidos foron Fontanar (Guadalajara) e Ribadesella (Asturias).

Os gañadores anunciounos a secretaria de Estado de Servicios Sociais, Familias e Discapacidade, Amparo Valcarce, no transcurso do II Congreso Nacional de Discapacidade sobre Accesibilidade Universal, que se celebra en Palencia. A Raíña Dona Sofía entregará os premios nun acto previsto no Palacio da Zarzuela para as vindeiras semanas. A dotación dos galardóns, nunha contía de 15.000 euros por cada unha das tres categorías, está financiada ao 50% polo Real Patronato sobre Discapacidade e a Fundación ACS.

Compartir: