PERSOAL

O Goberno local prepara a primeira Oferta Pública de Emprego dende o ano 2008

22/11/2016 O Goberno local presentoulle hoxe aos representantes sindicais do Concello a Oferta de Emprego Público de cara ao ano que vén, a primeira que se realiza dende o ano 2008. Nela inclúense 17 postos de libre acceso, 21 de promoción interna para funcionarios, e oito de promoción interna para persoal laboral.

Os postos de libre acceso incluídos na Oferta Pública de Emprego son unha praza de técnico/a de xestión para a oficina orzamentaria, seis prazas de administrativo/a, unha praza de arquitecto/a, catro prazas de bombeiros-condutores do Servizo de Extinción de Incendios, dúas prazas de policía local, unha de auxiliar de clínica para a UMAD, unha de psicólogo/a para servizos sociais e unha praza de educador/a familiar para servizos sociais. As tres últimas prazas serían de persoal laboral, e as demais de persoal funcionario. Ao abeiro do establecido no Texto Refundido do Estatuto Básico do Empregado Público, proponse para a reserva para a quenda de persoas con discapacidade dunha das seis prazas de administrativo/a da administración xeral, ao abeiro do establecido no Texto Refundido do Estatuto Básico do Empregado Público.

En canto ás prazas de promoción interna para funcionarios, ofertaranse dez prazas de administrativo grupo C1, cinco prazas de músicos do grupo A2, unha praza de conserxe do grupo C2, tres prazas de sarxento do Servizo de Extinción de Incendios, unha praza de cabo do Servizo de Extinción de Incendios, e unha praza de oficial da Policía Local. Na OPE inclúense ademais oito prazas de promoción interna para persoal laboral: catro de coordinadores de centros socioculturais do grupo A2, tres de músico do grupo C1, e unha praza de conserxe do grupo C2.

O prazo máximo para a convocatoria e a execución dos correspondentes procesos selectivos será de tres anos, dende a publicación da oferta no Boletín Oficial da Provincia. Previamente, a OPE terá que ser aprobada na Xunta de Goberno.

Modificación da RPT
O Goberno tamén levou hoxe á mesa de negociación sindical unha proposta para modificar a Relación de Postos de Traballo en dúas áreas concretas: a Asesoría Xurídica e a Área de Dinamización Social.

No que ten que ver coa Asesoría Xurídica, a proposta do Goberno local pasa por corrixir a situación do Concello de Santiago, que estaba obrigado a contar cunha dirección da asesoría xurídica dende finais de 2004. A modificación da RPT nesta área inclúe a creación do posto de Dirección da Asesoría Xurídica, cuxo titular será nomeado e cesado pola Xunta de Goberno. Tamén se formula a modificación do contido do posto de Xefatura do servizo de asistencia xurídica, ata agora reservado a funcionarios e funcionarias da administración xeral e ao que agora poderán optar funcionarios de calquera administración pública, licenciados en Dereito. A persoa que ocupe este posto asumirá parte das funcións do Letrado asesor xurídico, que desaparece da RPT. Por último, crearanse dous postos de traballo de letrado/a.

A modificación da RPT en relación á Asesoría Xurídica ten o principal obxectivo de "remunicipalizar" este servizo, que se viña prestando de forma externalizada cun custo para as arcas municipais duns 250.000 euros anuais.

A proposta en relación á Área de Dinamización Social aféctalle aos departamentos de Educación e Mocidade, Relacións Veciñais, Centros Socioculturais, Xuventude e Festas; Cultura e Deportes. O obxectivo é evitar os problemas detectados nos servizo desta área, fundamentalmente no ámbito dos centros socioculturais e relacionados con episodios de cesión ilegal de traballadores ou anomalías na xestión de servizos. Para iso, o Goberno aposta por dotar á área dunha xefatura de servizo, modificar o contido dos postos de traballo preexistentes, atendendo sobre todo a que ata o de agora determinado persoal laboral está a desempeñar funcións propias do persoal funcionario.

A modificación da Relación de Postos de Traballo terá que recibir o visto bo da Xunta de Goberno antes da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Documentos relacionados



Compartir: