SOLIDARIEDADE

O Concello de Santiago participa na Habana nun encontro entre municipios de todo o mundo

15/11/2006 Concellos de todo o mundo, representantes dos cinco continentes traballan estes días na Habana pola solidariedade entre os pobos do mundo. Fano dentro do XIV Encontro pola Cooperación e a Solidariedade dos Concellos coa Habana. Santiago de Compostela está neste evento representado pola concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, quen está tendo a oportunidade de intercambiar pareceres sobre o traballo dos diferentes concellos de todos os continentes.

No acto inaugural, o alcalde da capital cubana agradeceu a todos os alí presentes a súa presenza e animounos a traballar pola loita contra o terrorismo. Neste comezo do encontro estaban, ademais dos membros do goberno municipal da Habana, Juan Cortinas, presidente da Dirección Provincial da Asemblea Popular, e Sergio Corrieri, presidente do Instituto Cubano de Amizade cos Pobos, quen pediu a todos os concellos representados que loitaran pola solidaridade e a amizade entre culturas.

Ademais de Compostela, están na Habana representantes dos municipios de Huelva, Xixón, Mieres ou Sevilla, entre outros. Todos están tendo a oportunidade de intercambiar experiencias ademais de poder coñecer de primeira man a situación en Cuba da educación e a sanidade, con visitas a hospitais, centros infantís e centros de ensino. O encontro remata hoxe coa intervención dos diferentes delegados no Palacio das Convencións de Cuba.

Compartir: