IGUALDADE

Arranca "En negro contra a violencia" con máis de 500 establecementos adheridos en Santiago de Compostela

18/11/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu no día de hoxe máis detalles da campaña En negro contra a violencia, que tinguirá de negro a máis de 500 establecementos e entidades. Na rolda de prensa estivo acompañada de Lucía Canoura e Uqui Permui, responsables técnica e de deseño da campaña, e dunha traballadora do Hotel Moure, lugar de celebración da rolda.

Marta Lois lembrou que a campaña comeza hoxe e se desenvolverá ata o 25 de novembro en 17 concellos de toda Galicia. Ademais de tinguir de negro os escaparates dos establecementos participantes realizaranse varias accións. "O festival Cineuropa -sinalou Lois- ademais de organizar o día 25 de novembro unha sesión específica de películas que abordan esta problemática, entre o 18 e o 28 de novembro proxectará ao comezo de todos os filmes a imaxe "Contra a violencia". Tamén este ano por primeira vez participará na campaña a Real Filharmonía de Galicia, que incorporará a imaxe da campaña no concerto do día 24 no Auditorio de Galicia".

Ademais, este ano, os IES da cidade tamén están convidados a participar, implicando o alumnado na elaboración dunha faixas coa imaxe da campaña "Contra a violencia". Nos próximos días terán un kit de material para levar a cabo esta acción. De momento confirmaron a súa participación os institutos Xelmírez I, Pontepedriña e Eduardo Pondal.

Ao igual que o ano pasado, os equipos deportivos tamén se implicarán. Así, os xogadores da S.D. Compostela e do Santiago Futsal lucirán as camisetas da campaña nos partidos que xoguen na fin de semana seguinte ao 25 N e, tanto no campo de San Lázaro como no Multiúsos do Sar haberá faixas co lema da campaña.

Tamén patrocinan esta campaña Finsa, Tenreira Galega, Asociación Área Empresarial do Tambre, Arteal, Grupo Noy, Recursos Centro de Formación, Toldos Compostela e Caeiro.

Concentración de repulsa
O mesmo día 25 de novembro, ás 11:45 horas, na praza do Obradoiro lerase un manifesto e realizarase unha concentración de repulsa das violencias machistas, á cal aproveitou a concelleira para convidar a toda a poboación e na que ao Concello lle gustaría que a comunidade educativa, especialmente o estudantado dos IES e universitario, tivese un papel protagonista. Nesta concentración está previsto construír con paraugas negros e brancos - que se repartirán na propia praza- una imaxe que recolla o leva desta campaña "Contra a violencia".

Xa hai máis de 2.000 establecementos e entidades que participarán da campaña nos 17 concellos. Poden consultarse estes datos, así como descargar material da campaña, no enderezo electrónico www.ennegrocontraaviolencia.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: