PREMIO

Santiago recibe o Premio Raíña Sofía de Accesibilidade Universal 2006

14/11/2006 Santiago de Compostela foi galardoada co premio Raíña Sofía de Accesibilidade Universal 2006. O anuncio fíxoo público a Secretaria de Estado de Servizos sociais, Familias e Discapacidade, Amparo Valcarce, no transcurso do II Congreso Nacional de Discapacidade sobre Accesibilidade Universal, que se está a celebrar en Palencia.

O premio recoñece o labor das cidades españolas na eliminación de barreiras arquitectónicas e virtuais que dificultan a vida diaria das persoas con discapacidade. A cidade de Lugo e as localidades de Ribadesella (Asturias) e Fontanar (Guadalajara) tamén foron distinguidos con este galardón.

O xurado escolleu a Santiago de Compostela entre os municipios de máis de 100.000 habitantes, polo seu labor na eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios, no transporte e na comunicación. Así mesmo o xurado recoñeceu a elaboración e edición dunha guía accesíbel que aglutina toda fas actividades desenvolvidas sobre accesibilidade.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, declarou estar "moi satisfeito polo premio. O camiño percorrido é grande, pero aínda queda moitísimo por percorrer".

Está previsto que sexa a Reina Dona Sofía quen entregue o galardón nun acto que terá lugar no Palacio da Zarzuela nas vindeiras semanas.

Compartir: