BENESTAR SOCIAL

As entidades de acción social de Compostela presentaron ao alcalde as súas propostas respecto á Lei de Dependencia

14/11/2006 Representantes de diversas entidades de acción social integrantes do Consello Municipal de Servizos Sociais, presentáronlle ao alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, as súas consideracións e propostas sobre o desenvolvemento e implantación da Lei de Dependencia.

A este documento, asinado por organizacións de acción social presentes na cidade, adheríronse case 40 entidades, o que dá conta do grao de consenso acadado nas propostas formuladas.

As entidades de acción social de Santiago entenden que cómpre desenvolver máis decididamente accións de promoción da autonomía persoal e de prevención das situacións de dependencia. Igualmente consideran que é mester mellorar a coordinación de todos os dispositivos que atenden a persoas en situación de dependencia.

Ademais, estas entidades postuláronse como axentes a ter en conta para o desenvolvemento desta Lei no noso país e na nosa cidade. Hai que lembrar que as mesmas veñen dende hai moitos anos desenvolvendo servizos e sensibilizando sobre a situación do colectivo de persoas en situación de dependencia: persoas maiores, persoas con discapacidade ou enfermidade mental, persoas con enfermidades crónicas, etc.

Compartir: