IGUALDADE

Xa son 450 as entidades e establecementos adheridos a "En negro contra a violencia"

11/11/2016 Queda tan só unha semana para que bote a andar a segunda edición da campaña Compostela en Negro, que este ano e co gallo da adhesión de 15 concellos ademais de Compostela, muda de nome e pasa a charmarse En negro contra a violencia.

Entre as incorporacións destacan os colexios oficiais de Educadoras Sociais, Psicoloxía e Traballo social. Tamén se adheriron á campaña entidades deportivas como o Santiago Futsal ou a S.D. Compostela. Ximnasios, farmacias, consultorías, tendas de alimentación, comercios, hoteis… así ata sumar arredor de 450 establecementos.

Ademais, xa está operativa a páxina web www.ennegrocontraaviolencia.gal, onde se poderá consultar unha listaxe de todas as entidades adheridas á campaña, tanto en Compostela coma no resto de Concellos. Neste enderezo electrónico están tamén dispoñibles os materiais da campaña para a súa descarga gratuíta. Deste xeito, as persoas que a título individual desexen sumarse poderán facelo descargando estes materiais.

Contra a violencia
O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella, un 26% violencia psicolóxica de control —ciumes, control de horarios e actividades, etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc—. No que vai de ano, dúas mulleres foron asasinadas en Galicia (Ana Gómez Nieto o 12/02/16 en Becerreá, Lugo e Tatiana Vázquez Abuín o 10/04/16 en Lugo) e 46 en España.

Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, o ano pasado, o Concello de Santiago puxo en marcha a campaña de sensibilización Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma.

A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Partindo desta boa práctica, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social desta campaña, este ano, 16 concellos galegos decidimos unir os seus esforzos para desenvolver conxuntamente a campaña de sensibilización En negro contra a violencia.

En vésperas do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a través desta iniciativa, os concellos de A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas queren situar na axenda política, con contundencia e para sempre, a loita contra as violencias machistas.

Ao marxe da repercusión e impacto que poida ter esta campaña, é xa de antemán un grande éxito compartido o feito de que, por primeira vez, concellos tan diversos e de diferentes cores políticas estean traballando en rede contra as violencias machistas e a prol da igualdade das mulleres. Do 18 ao 28 de novembro, todas e todos en negro, contra a violencia.

Direccións relacionadas



Compartir: