MEDIO RURAL E EQUILIBRIO TERRITORIAL

Comezan as obras do gran contrato de mantemento

10/11/2016 O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial deu conta hoxe do inicio das obras do gran contrato de mantemento, ao que o Goberno local destinou 1,2 millóns de euros. Rafael Peña explicou que os traballos xa están en marcha na rúa Diego Bernal e Fontes do Sar, que estarán rematados previsiblemente mañá. O luns, iniciaranse as reparacións na rúa das Rodas, unha das máis deterioradas do centro da cidade.

O edil explicou que a actuación das Rodas comezará o luns e previsiblemente será necesaria toda a semana para acometela. Para executar as obras será preciso pechar un dos carrís de circulación, mantendo en todo momento habilitada a dirección baixada cara Porta do Camiño. Os vehículos que circulen en dirección subida serán desviados pola rúa de Valle Inclán.

Rafael Peña indicou que esta actuación "será algo máis que un simple parche, porque a rúa está en moio mal estado debido a unha reparación que nunca quedou como debera". Está previsto que o carril de baixada sexa reposto practicamente na súa totalidade, e no carril de subida se reparen zonas máis puntuais. O edil lembrou que a reparación integral das Rodas figuraba na EDUSI, pola que Santiago vén de conseguir dez millóns de euros de fondos europeos, pero "o Goberno entendeu que había que realizar unha intervención para non poñer en risco a seguridade, e tendo en conta que o desenvolvemento da EDUSI vaise atrasar varios meses".

Outras actuacións
O luns tamén comezarán obras de mantemento en Amio, nas rúas Ponte de San Lázaro de Abaixo e Agro dos Mozos. Nas próximas semanas, e en función das condicións meteorolóxicas, actuarase na rotonda de acceso aos grupos de vivendas Cardenal Quiroga e Compostela; a avenida de Vilagarcía, Sánchez Freire e García Prieto, en Conxo; o cruce de Romero Donallo coa avenida de Vilagarcía, Frei Rosendo Salvado, e a avenida de Ferrol; e nalgunhas zonas de Fontiñas. Outra das prioridades será acometer as melloras que precisa a rúa de Tras Santa Clara.

Rafael Peña explicou que as obras do contrato de mantemento se realizarán con tres equipos de forma simultánea: un en zonas empedradas, outro en grava miúda e un terceiro en zonas de asfalto en quente.

Rede viaria mellorada
O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial explicou que ao comezo do mandato se detectaran na rede viaria de Compostela case 3.000 fochancas e, a día de hoxe xa foron reparadas 1.200 delas, grazas aos contratos de emerxencia que se foron habilitando. A través deles, investiuse en actuacións de mellora da rede viaria preto dun millón de euros, cantidade á que hai que sumar as actuacións financiadas a través dos diferentes plans da Deputación da Coruña.

Rafael Peña lembrou que "o Goberno advertiu en todo momento que mellorar a situación da rede viaria requiría moito tempo e moito diñeiro, e estase poñendo todos os medios e toda a vontade para que así sexa". De feito, explicou, "os orzamentos de 2016 multiplicaron por catro as partidas para mantemento con respecto ao consignado no 2015 polo goberno anterior".

O contrato de mantemento estaba distribuído en tres lotes, e nos tres casos a empresa que acadou maior puntuación foi Obras y Viales de Galicia, S.L. O primeiro lote inclúe actuacións no ámbito do Plan Especial da cidade histórica, excluído o recinto intramuros, e conta cun orzamento de 72.600 euros para este ano, e de 152.400 euros para 2017. Dentro do segundo lote atenderase o ámbito urbano e periurbano, excluído o do Plan Especial, e as partidas habilitadas serán de 148.800 euros para 2016, e 551.200 euros para 2017. Por último, no terceiro lote inclúense as actuacións no ámbito de medio rural, cun orzamento de 72.600 euros para 2016 e de 202.400 para 2017.

Compartir: