PROMOCIÓN ECONÓMICA

Unhas xornadas técnicas orientarán na busca de traballo a persoas e colectivos de difícil inserción laboral

14/11/2006 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego e a Asociación Plataforma polo Emprego presentaron as xornadas técnicas "Experiencias, propostas e retos da orientación laboral e do autoemprego para persoas e colectivos de difícil inserción laboral. As sesións terán lugar o mércores 15 de novembro no hotel NH Obradoiro, de 10:00 a 14:00 horas.

O departamento dirixido por Xosé Manuel Iglesias achega 9.000 euros para o desenvolvemento destas xornadas técnicas e doutras dúas accións que se realizarán de forma conxunta coa Plataforma polo Emprego. Estas dúas actuación son a creación dunha Rede de cooperación de microempresas e autónomos e unha Campaña de sensibilización do empresariado sobre as empresas de inserción.

Estas xornadas técnicas están incluídas no convenio bilateral asinado o 10 de novembro entre a Concellaría e a Plataforma dentro do Plan de Acción polo Emprego. Este programa é o marco operativo que recolle as políticas de emprego e promoción económica que se lavarán a cabo en Santiago.

O principal obxectivo do Plan de Acción Local polo emprego é reducir as taxas de paro en Compostela, traballando de forma conxunta e coordinada na concertación de políticas e accións para facer de Santiago unha cidade punteira e de referencia na creación de emprego. Un emprego de calidade, que incida nas políticas laborais destinadas aos colectivos de difícil inserción laboral: mulleres, discapacitados, marxinados socialmente, etc. Para iso deseñáronse distintas accións de orientación profesional, formación para o emprego, inserción laboral, promoción do emprendemento e concertación e cooperación entre os axentes vinculados ao mercado laboral.

Programas de inserción laboral

A Concellaría de Promoción Económica e Emprego destina 5,27 millóns de euros a programas de inserción laboral como:

- Equal Compostela Social, unha iniciativa comunitaria que busca a creación de autoemprego. Está na terceira fase, na que participa un 70% de mulleres. O proxecto botou a andar en xuño de 2005 e neste tempo xa se consolidaron 17 empresas.

- Proxecto Crear, a través do cal 100 persoas desempregadas (61 mulleres e 39 homes) da área de Compostela reciben formación e asesoramento para acadar un emprego. Os responsables da terceira edición do proxecto xestionaron a inserción laboral de 41 usuarios, 24 deles mulleres.

- Proxecto Persoa, que busca incorporar ao mercado laboral, principalmente en novos xacementos de emprego, a colectivos de difícil inserción. Ofrece información e orientación profesional en seis áreas distintas a 90 persoas, 84 mulleres e seis homes. Nesta terceira edición lévanse realizadas 20 insercións.

A estes proxectos hai que engadirlles distintos cursos de formación ocupacional, cursos de formación para titulados universitarios e obradoiros.

Compartir: