IGUALDADE

Compostela en Negro obtén o Premio Paraugas ao mellor deseño gráfico

07/11/2016 Esta fin de semana, a campaña Compostela en Negro, deseñada por Uqui Permui, recibiu o Premio Paraugas ao mellor deseño gráfico. Unha nova que chega cando quedan tan só 11 días para que de comezo a segunda edición da campaña, desenvolvida polo Concello de Santiago co gallo do Día Internacional da Violencia contra a muller.

Trátase da I edición destes Premios Paraugas, os galardóns da Comunicación e do Marketing Galego creados polo Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia. Había un total de 18 categorías, ás que se presentaron 480 candidaturas.

16 concellos
A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas son os 15 concellos que se suman á campaña impulsada o ano pasado dende Santiago para concienciar sobre a lacra das violencias machistas. A colaboración de todos estes concellos e o traslado da marca creada o ano pasado concretarase nas vindeiras semanas mediante a sinatura dun protocolo na que estarán presentes os 15 concellos.

De momento son xa 400 os establecementos composteláns adheridos á campaña deste ano, que se celebrará entre o 18 e o 28 de novembro. Aínda está aberta a que se poidan sumar máis entidades, tanto deportivas como de calquera índole.

Disponse dunha páxina de Facebook e dunha conta en Twitter, nas que se actualizarán noticias e información sobre o transcorrer da campaña en todos os concellos adheridos. Así mesmo, nos próximos días estará operativa unha web, www.ennegrocontraaviolencia.gal, na que ademais de atopar información específica, se poderá visionar un mapa con todos os establecementos que están participando na campaña nos 16 concellos.

Compartir: