PLENO

Compostela adhírese á Rede de Cidades Saudables

20/10/2016 O Concello de Santiago vaise adherir á Rede Española de Cidades Saudables, unha entidade que persegue a promoción e protección da saúde e o benestar da cidadanía, potenciando estilos de vida saudables. Así se acordou, por unanimidade, no pleno da Corporación celebrado esta tarde.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, lembrou que Santiago xa formara parte desta rede, pero decidírase tramitar a baixa no ano 2012. A edil incidiu en que "o regreso a esta Rede vai na liña dunha serie de acordos que vén adoptando o Pleno no ámbito da saúde, como a aprobación dun manifesto municipalista sobre o dereito de acceso á saúde pública". O acordo adoptado hoxe inclúe o compromiso do Concello de Santiago de deseñar un plan de saúde para a cidade.

Acordos do Consello Municipal de Saúde
O Pleno tamén aprobou hoxe, cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG e a oposición do PP, os acordos adoptados o pasado 4 de outubro na xuntanza do Consello Municipal de Saúde relativos á solicitude de información á Consellería de Sanidade e á Xerencia da Área Sanitaria do Centro Hospitalario Universitario de Santiago sobre o estado do proxecto do Campus da Saúde. En concreto, pediranse aclaracións sobre o destino das camas asistenciais e dos traballadores e traballadoras do Hospital Gil Casares, a ubicación dos aparcadoiros e a reubicación da actual escola infantil. Tamén se solicitará información sobre o Plan Funcional da Área Sanitaria.

EDUSI
Outro dos acordos adoptados por unanimidade ten que ver coa creación dunha mesa de diálogo na que participarán todos os grupos municipais na que se definan as actuacións a desenvolver ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, que vai recibir 10 millóns de euros de fondos europeos FEDER.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que o Ministerio de Facenda citou aos concellos beneficiarios destes fondos para os próximos 3 e 4 de novembro co obxectivo de clarificar o desenvolvemento das súas estratexias. Jorge Duarte sinalou que o primeiro paso que terán que dar os concellos é elaborar un manual de procedemento, antes de priorizar as actuacións a executar.

O edil tamén reiterou o seu compromiso de que o acondicionamento de Castrón D´Ouro e Patio de Madres serán obxectivo prioritarios, se ben anunciou que o Concello lle solicitará á Xunta que se implique no financiamento destas obras, que lle afectan ao Camiño de Santiago.

Comparecencia de Jorge Duarte
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade compareceu no Pleno de hoxe, a petición propia, para dar conta da investigación aberta en Fiscalía en relación a catro expedientes de disciplina urbanística. Jorge Duarte explicou que, nos catro casos, os informes xurídicos falaban de infraccións moi graves, que supoñían importantes sancións económicas e peches cautelares. O edil lembrou que a Lei de Emprendemento de Galicia sinala, no seu artigo 52, que as infraccións moi graves son aquelas que supoñen un grave risco para a seguridade das persoas ou bens, unha cuestión que non estaba xustificada en dous dos catro establecementos expedientados. Nun deles mesmo quedou demostrado que non había lugar a unha sanción grave "porque nin o aforo real do establecemento era o contemplado, nin as portas de acceso tiñan a configuración que se estimaba".

O edil de Espazos Cidadáns tamén sinalou que o Goberno local optou por non prorrogarlle o contrato á empresa que se encargaba do cobro das sancións urbanísticas, e que percibía como compensación o 25% da contía das multas. Segundo Jorge Duarte, entendeuse que ese modelo non era o idóneo para o Concello de Santiago e non supoñía melloras en canto á axilización dos expedientes.

Compartir: