ALCALDÍA

Martiño Noriega defende a importancia histórica, simbólica e económica de Medicina para a cidade

17/10/2016 O alcalde de Santiago asistiu ao acto académico de celebración de San Lucas, patrón da Facultade de Medicina. No mesmo, Martiño Noriega defendeu "a importancia da Facultade de Medicina para Santiago dende o punto de vista histórico, simbólico e mesmo económico". Ademais, fixo súas as demandas do decano Juan Gestal relacionadas co déficit de profesorado e instou a todas as institucións implicadas a poñer todo da súa parte para ter a mellor Facultade posible.

O reitor da USC, Juan Viaño, presidiu unha mesa na que, ademais do alcalde, tamén estiveron os conselleiros de Sanidade e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez e Román Rodríguez, respectivamente; o decano do centro, Juan Gestal; o xerente do Hospital Clínico Universitario, Luis Verde; e o presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán. O profesor José Castillo foi o encargado de pronunciar a lección maxistral da xornada, titulada "O Sergas e a Facultade de Medicina de Santiago".

No acto entregáronse placas honoríficas da Facultade a destacadas personalidades do Servizo Galego de Saúde, en nome de quen tomou a palabra o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, para agradecer a honra. A continuación entregouse un diploma de recoñecemento da Facultade á Tuna de Medicina con motivo do seu 30º aniversario.

Compartir: