SAÚDE

Santiago acolle o sábado unha marcha solidaria a favor dos transplantados de medula ósea

17/10/2016 O Palacio de Congresos e Exposicións acollerá entre o 20 e o 22 de outubro o LVIII Congreso Nacional da Sociedade Española de Hematoloxía e Hemoterapia e o XXXII Congreso Nacional da Sociedade Española de Trombose e Hemostasia. Con motivo destes eventos, haberá dúas acción abertas ao público: unha carpa na praza Roxa cun espazo para doazón de sangue e un espazo infantil, e unha marcha solidaria.

Durante os días dos congresos, habilitarase na praza Roxa unha carpa cun espazo para a doazón de sangue, en colaboración co Centro de Transfusión de Galicia. Ademais, habilitarase un espazo infantil no que se ensinará o valor da doazón de sangue e medula en formato viñetas. Os nenos e nenas tamén poderán participar nun xogo con preguntas xerais sobre estes temas.

O sábado 22 de outubro celebrarase a I Marcha solidaria para recadar fondos destinados á Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea. A proba arrancará ás 17:00 horas do Monte do Gozo e terá como meta a praza do Obradoiro. O custo da inscrición é de 5 euros.

Compartir: