IGUALDADE E MOCIDADE

"Recicla o xénero" promoverá a igualdade nos institutos de Compostela

17/10/2016 As concelleiras de Igualdade e de Mocidade, Marta Lois e Noa Morales, respectivamente, presentaron esta mañá os obradoiros de igualdade Recicla o xénero, que teñen como obxectivo abordar a loita contra as violencias machistas e a procura da igualdade entre os mozos e mozas de Compostela. Desenvolveranse entre os meses de outubro e novembro de 2016 e entre abril e maio de 2017. Na rolda estiveron acompañadas de María Traveso, de Promove.

A concelleira de Mocidade destacou que esta iniciativa "xorde do proceso piloto de orzamentos participativos de Mocidade, do que saíron propostas moi interesantes. Este obradoiro leva por nome Recicla o xénero e busca concienciar os alumnos e alumnas de varios institutos sobre que é a violencia de xénero". Noa Morales engadiu que "se presenta como unha actividade transversal co Departamento de Igualdade, respondendo moi ben á dinámica de traballo que sempre propoñemos dende o Goberno local de traballar de forma conxunta".

Experiencia piloto en 2015
Recicla o xénero ponse en marcha no curso escolar 2015 como proxecto piloto que permitise detectar necesidades e demandas dos institutos da cidade e analizar a resposta do alumnado ante un programa de sensibilización en materia de igualdade. O proxecto realizouse no marco da campaña de sensibilización entorno ao 25 de Novembro, con resultados moi positivos por parte de toda a comunidade educativa.

Os equipos directivos e servizos de orientación trasladaron unha demanda deste tipo de obradoiros á marxe de datas sinaladas e ao longo do curso escolar. Na avaliación do proxecto, o 88% do alumnado sinalaba este tipo de obradoiros como totalmente ou moi necesarios. No relativo ao grao de satisfacción, o 77% do alumnado mostrábase totalmente ou moi satisfeito co contido e metodoloxía do obradoiro.

Aproveitouse para recompilar datos estatísticos sobre a percepción da igualdade de oportunidades e da violencia de xénero entre a mocidade. O informe coas conclusións e datos obtidos pódese consultar no apartado correspondente a este proxecto na páxina web Compostela: territorio das mulleres.

Como sinalou Marta Lois, "ese estudo vén a confirmar de forma cuantitativa e obxectiva que a mocidade acepta o machismo e que moita poboación adolescente (ata o 54%) coñece relacións de parella nas que existen comportamentos violentos e de submisión. Por iso, engadiu, "a raíz da experiencia deste proxecto piloto, a Concellaría de Igualdade decide darlle continuidade ao proxecto, garantindo a súa permanencia ao longo do curso escolar 16- 17".

Desestacionalízanse os obradoiros, que se impartirán entre os meses de outubro e novembro de 2016 e, posteriormente, entre abril e maio de 2017. Intégrase ademais esta sensibilización no marco do programa curricular dos IES, motivo polo que se imparten os obradoiros especialmente en horarios de titorías, coa interlocución e planificación ao inicio do trimestre.

Os obradoiros desenvolveranse en tres institutos: Pontepedriña, Xelmírez II e Fontiñas. Contémplanse seis obradoiros en aula entre o alumnado de 15 a 17 anos para o mes de outubro, cunha cobertura total de 125 persoas. Tamén se levarán a cabo dúas sesións dunha actividade parateatral a cargo de Chévere e Promove, cunha participación máxima de 60 persoas.

I Concurso Recicla o xénero
En colaboración co IES de Sar farase tamén o I Concurso Recicla o xénero: (des)igualdade ilustrada, no que o alumnado de bacharelato elaborará ilustracións con técnica libre sobre calquera temática relacionada co xénero, que favoreza a súa creatividade e que lles permita facer visible a desigualdade estrutural entre homes e mulleres.

Haberá dous premios, un primeiro de 100 euros e outro segundo de 50 euros. O vale permitirá obter material especializado nun establecemento do pequeno comercio que xa colabora habitualmente co instituto.

Con respecto á fase 2 do proxecto, levarase a cabo entre os meses de febreiro e maio de 2017. Contémplanse os seguintes IES para integralos no proxecto: IES Arcebispo Xelmírez I, IES Plurilingüe Rosalía de Castro, IES Antonio Fraguas e IES San Clemente.

Compartir: