POLÍTICAS SOCIAIS

I Xornada sobre a situación das persoas sen fogar

14/10/2016 O vindeiro día 27 de outubro, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos, s/n), terá lugar a I Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, organizada conxuntamente pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde e a Mesa de Traballo para o estudo da situación das persoas sen teito – transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.

Esta xornada ten como finalidade principal xerar un espazo para o achegamento de experiencias, moitas delas en primeira persoa, sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, así como amosar diferentes iniciativas políticas e sociais que se están levando a cabo a nivel galego e estatal para a atención e xestión desta problemática.

O público destinatario serán profesionais e persoal voluntario de institucións e iniciativas relacionadas coa atención a persoas sen fogar, así como estudantes do eido social e comunitario. A asistencia á xornada é de balde previa inscrición a través de http://santiagodecompostela.gal/senfogarismo/formulario.php. O prazo para inscribirse remata o día 26 de outubro.

Programa
O programa da xornada contempla a participación de profesionais de referencia no estudo e asistencia do senfogarismo a nivel estatal. A sesión inagural correrá a cargo de José Manuel Caballol, quen presentará Housing First, do programa Hábitat da Fundación RAIS, un modelo innovador que plantexa unha forma diferente de afrontar o senfogarismo: facilitar vivendas accesibles e con carácter permanente ás persoas sen fogar que se atopan en peor situación, seguindo outras experiencias europeas que xa están dando resultados. Este ano puxeron en marcha 38 vivendas en Málaga, Barcelona e Madrid baixo os principios deste modelo.

Aínda na sesión matinal da xornada presentarase o traballo que realizan en Compostela diferentes entidades como a Cociña Económica, Centro Vieiro, o Albergue Xoán XXIII, Cruz Vermella ou Feafes, a través da Mesa de Traballo para o estudo da situación das persoas sen teito – transeúntes e dos recursos en Santiago de Compostela.

Complementarase esta sesión con experiencias de entidades procedentes doutras vilas, coma o Colectivo Boa Vida de Pontevedra, ou a Arrels Fundaciò, unha das organizacións con máis experiencia a nivel estatal en relación á problemática das persoas sen fogar, e que leva traballando dende 1987, atendendo dende entón a máis de 9.000 persoas.

Rematarase a xornada de mañá cun achegamento á situación das persoas sen fogar dende a perspectiva da saúde mental, exposición que realizará a psiquiatra Lucía del Río.

A sesión da tarde xirará arredor da educación e do tratamento do senfogarismo por parte da sociedade e dos medios de comunicación. Na primeira mesa participará Antón Bouzas, do Colectivo Os Ninguéns de Vigo e membro da xunta directiva do CEESG (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia), que afondará nas liñas de traballo para atender a este colectivo en clave de futuro e especialización coa exposición "A educación social especializada".

Continuará a sesión de tarde con experiencias en primeira persoa, xa que un obxectivo desta xornada é darlle voz a estas persoas e visibilizar a súa situación e vivencias.

Ao remate desta mesa, Lagarder Danciu falará sobre a "Criminalización da pobreza e visibilidade do senfogarismo: redes sociais e medios de comunicación". Lagarder é un "activista da pobreza", como el mesmo se denomina, e fai un grande esforzo por denunciar a situación das persoas sen fogar, especialmente nas redes sociais.

As cifras do senfogarismo
Na Unión Europea hai 30 millóns de cidadáns que non dispoñen dun aloxamento digno, dos que 410.000 non teñen fogar. En España, por cada 100.000 habitantes hai, como mínimo, 71 persoas sen fogar. En 2012 contabilizáronse 23.000 sen fogar atendidas nos centros asistenciais de aloxamento e restauración. Se tomamos de referencia a clasificación europea ETHOS que entende que estar sen fogar inclúe mais situacións que a de durmir ao raso, no Estado español hai mais de 1,5 millóns de persoas sen fogar, segundo datos da Fundació Foessa.

En 2012, Galicia era a quinta comunidade con maior número de persoas sen fogar, un 8,3% da poboación; e a segunda en relación á súa poboación, contabilizando 133 sen teito por cada 100.000 habitantes. Durante o 2015, a Cruz Vermella atendeu en Galicia a 1.258 persoas sen fogar, das que 1.031 son homes e 227 mulleres. Por cidades, en Ourense rexistráronse a maior parte dos casos, con 270 persoas sen teito atendidas por esta entidade, unha cifra moi similar á de Lugo, con 268. A franxa atlántica tamén concentra un elevado número de atendidos. En Vigo prestouse atención a 214 persoas; en Santiago a 212; en A Coruña a 175; e en Pontevedra a 119.

O Concello de Santiago desenvolve un plan de atención en colaboración coas entidades sociais que inclúe unha mesa de traballo e equipos na rúa. Ademais de refuxio ou albergues, tamén se lles ofrece asistencia médica e acompañamento á hora de tramitar axudas. Segundo os cálculos das entidades que traballan no plan municipal, dormen aproximadamente nas rúas da cidade entre 30 e 35 persoas ao día de media, aínda que este é un dato moi variable. Ademais, o Concello acaba de poñer en marcha a comezos deste mes de outubro dúas das tres vivendas municipais cedidas a Feafes para a atención das persoas sen teito, que seguirán o modelo "housing first".

O perfil das persoas sen fogar
A respecto do conxunto do Estado, o perfil das persoas sen fogar é o dun home –o 90% son homes fronte a un 10% de mulleres- de 58 anos de esperanza media de vida, e uns 42 anos de media de idade. O 50% teñen fillos e o 44,5% leva mais de tres anos sen aloxamento propio. O 54% son españois, o 50% busca traballo, o 60% ten estudios de educación secundaria e o 12% estudos superiores. O 50% foi vítima dalgún delito ou agresión, o 20% non teñen tarxeta sanitaria e polo menos un 23% teñen algún tipo de discapacidade, segundo evidencia un estudo realizado por RAIS Fundación para Fundación ONCE que sinala que esta cifra é cinco veces superior á rexistrada entre a cidadanía xeral de idade similar.

Direccións relacionadas



Compartir: