FACENDA

A Corporación aproba a Conta Xeral do 2015

14/10/2016 O Pleno da Corporación vén de aprobar, en sesión extraordinaria, a Conta Xeral de 2015 grazas os votos a favor de Compostela Aberta e as abstencións dos demais grupos.

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas quixo lembrar no Pleno que a conta xeral ten "unha paternidade compartida, posto que fai referencia á situación económica do Concello durante o ano 2015, cuxos primeiros seis meses do ano gobernou o Partido Popular e os últimos seis Compostela Aberta".

María Rozas asegurou que "o Goberno fixo un importante esforzo na última metade no ano para que moitos dos indicadores recollidos na conta xeral fosen positivos, como por exemplo, a porcentaxe de execución de investimentos que non superaba o 5% nos primeiros seis meses do 2015 e conseguimos elevala ata o 28%, a porcentaxe máis alta dos últimos cinco anos". A pesares de ser a cifra máis alta do último lustro, entende que "o obxectivo nos vindeiros anos pasa por seguir incrementando esta porcentaxe mellorando a eficiencia da administración, xa que isto evidencia un problema de carácter estrutural".

Así, a concelleira asegurou que "hai datos moi positivos", como un superávit de 5,4 millóns de euros, que reflicten estabilidade e solvencia da Administración. As contas do Auditorio tamén amosan un estado positivo de 198.755 euros, inverténdose a dinámica negativa dos últimos anos. Rozas tamén destacou que o estado dos cobros e os pagos pendentes a 31 de decembro de 2015 se sitúa nos niveis máis baixos dos últimos anos.

A conta xeral de 2015 amosa unha maior liquidez do Concello para facer fronte ás obrigas pendentes de pago e as facturas dos provedores, un incremento da solvencia a curto prazo e unha diminución do 40% do endebedamento por habitante, que pasa dos 697,58 euros de 2010 aos 424,72 do 2015. A concelleira de Economía e Facenda lembroulle ao Pleno que hai informes de Intervención que demostran que o orzamento do pasado ano, aprobado polo executivo anterior, tiña distorsións e cálculos errados en canto ao recadado por determinados impostos como o ICIO ou a participación do Concello nos tributos do Estado.

Así mesmo, a Conta Xeral de 2015 reflicte tamén un exceso no teito de gasto dun millón de euros, resultado da incorporación dos remanentes, tal e como obriga a lexislación. Por mor disto, este incremento no teito de gasto non supón a adopción de ningún axuste nin medida extraordinaria.

Compartir: