FACENDA

Orzamento Aberto, o novo portal para consultar as contas municipais

14/10/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presentou hoxe o novo portal de orzamentos do Concello, que leva por nome Orzamento Aberto e ao que se pode acceder a través da dirección orzamentoaberto.santiagodecompostela.gal. O novo portal ofrece o estado do orzamento municipal e actualizarase cada tres meses, amosando o estado de execución do orzamento.

María Rozas destacou que este portal "nos permite continuar traballando a prol da transparencia na administración. Trátase dun portal feito en open data que nos permite ser transparentes de forma competente, é dicir, que a cuestión non sexa colgar a información económica en bruto en diferentes soportes senón que esa información sexa o máis clara posible para a veciñanza".

O portal de orzamentos conta con catro pestanas principais: Visión global, Políticas, O que ti achegas e Que significa? Na primeira dáse unha idea xeral dos ingresos do Concello, explicando as diferentes formas de financiamento. Por unha banda, a existencia de ingresos propios vía fiscal (a través de tributos locais como o IBI, o IVTM ou o ICIO) e, por outra, a chegada de recursos impropios doutras administracións (autonómica, estatal ou europea). Nesta pestana tamén se explica como emprega o Goberno local eses cartos.

Na segunda pestana, que leva por nome Políticas, faise un desglose máis ou menos pormenorizado onde aparece reflexada a porcentaxe que cada área asume dos 99,4 millóns de orzamento municipal. A maior porcentaxe é o espazo que a propia web dedica a cada unha das áreas.

A pestana O que ti achegas pasa a converterse nunha calculadora de tributos na que a veciñanza pode coñecer cantos cartos van ás arcas públicas sumando os impostos que pague na cidade.

Finalmente e, tendo en conta que o obxectivo do portal é que sexa o máis clarificador posible, hai unha última pestana, denominada Que significa, onde se definen os termos económicos que adoitan usarse ao falarmos de orzamentos.

Na rolda de prensa, María Rozas estivo acompañada por Sonia Pérez, da Fundación Civio, quen explicou os detalles técnicos da plataforma e fixo un repaso polos concellos onde están implementadas este tipo de plataformas.

Compartir: