XUNTA DE GOBERNO

O Concello renova a colaboración con Cidade Vella e Tempo sen Xeito

14/10/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe os convenios de colaboración entre o Concello de Santiago e as asociacións culturais Cidade Vella e Tempo con Xeito para o último trimestre do ano. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que estes acordos son "o marco de cooperación cos locais de hostalería, para que poidan desenvolver actividades de dinamización, sempre co compromiso de colaborar activamente co Concello para evitar molestias á veciñanza".

As actividades culturais previstas son contacontos, monólogos, maxia, clubs de lectura, música, sesións de DJs e exposicións. No caso das actividades para as que se empreguen equipos de amplificación de son deberán desenvolverse nun horario que non exceda das 00:00 horas, agás as noites dos venres e os sábados, que non excederán ás 01:00 horas. As actividades que non empreguen equipos de amplificación poderán desenvolverse no marco do horario de apertura do local.

No caso da Asociación Cultural Cidade Vella, o convenio de colaboración implica a vinte locais de hostalería, mentres que o acordo con Tempo con Xeito aféctalle a cinco establecementos. En todo caso, nos dous convenios especifícase que "os establecementos integrantes da asociación que a día de hoxe non aparecen no listado por estaren fóra de actividade, poderán incorporarse ao convenio trala regularización da súa situación administrativa".

Nave 5
A Xunta de Goberno de hoxe acordou a adxudicación de tres locais da nave 5 da Praza de Abastos. O alcalde lembrou que no procedemento houbo máis solicitudes, que tiveron que ser rexeitadas por erros de forma á hora de presentar a documentación por parte dos interesados. Martiño Noriega explicou que se abrirá un novo procedemento para adxudicar os locais que quedaron pendentes, e amosouse convencido de que todos os establecementos dispoñibles serán finalmente ocupados.

Convenios
Na reunión desta mañá, o Executivo local tamén lle deu luz verde a varios convenios de colaboración. Así, aprobouse o acordo coa USC para a Oficina de Igualdade, por un importe de 20.000 euros; e outro co Colexio de Avogados de Santiago, tamén por 20.000 euros. O terceiro convenio é coa Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, que suporá tamén unha achega de 20.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: