IGUALDADE

O Concello asina un convenio con Cáritas para o programa Vagalume

11/10/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, asinou esta mañá un convenio de colaboración con Cáritas para o desenvolvemento do seu programa Vagalume de atención a mulleres en contextos de prostitución.

A concelleira destacou que, con este convenio, "as e os profesionais que traballan con Cáritas acompañarán as participantes nos seus procesos de desenvolvemento persoal, que teñen como obxectivo lograr o seu empoderamento persoal, social, familiar e laboral. As mulleres beneficiarias deste programa son entre 30 e 35 e, na maioría dos casos, trátase de mulleres inmigrantes".

A contía do mesmo é de 30.000 euros e ten como obxectivo eliminar a vulnerabilidade e o risco de exclusión social ao que están expostas as mulleres en contextos de prostitución no Concello e arredores. Ademais, búscase facilitar o acceso das participantes aos diferentes recursos e entidades sociais, ao mesmo tempo que se crea unha intervención coas familias que favoreza o seu desenvolvemento integral, habilidades e competencias, con especial atención ao fomento da parentalidade positiva e da crianza saudable das fillas e fillos.

Por parte de Cáritas asinou o convenio o director de Cáritas en Compostela, José Anuncio Mouriño. Xunto a el estivo a responsble do programa Vagalume, Cleofé Rodríguez.

Compartir: