FACENDA

Seguen as asembleas de votación de propostas dos OP, hoxe para a área Sueste

11/10/2016 A primeira asemblea de decisión dos Orzamentos Participativos convocou este luns na Casa das Asociacións de Cornes a representantes de asociacións veciñais e habitantes da área rural compostelá. Os asistentes ao encontro puideron analizar, debater e defender algunhas das 86 propostas que hai rexistradas neste proceso, dun total de 126 presentadas.

Foron 40 propostas as que quedaron fóra debido a que incumprían algúns dos requisitos establecidos no Regulamento dos OP (non estar na área de referencia ou non considerarse un proxecto de cidade, non ser un investimento ou non ser un investimento directo do Concello, dispoñer dunha partida aprobada ou estar xa a levarse a cabo por parte do Concello ou doutra administración, non ser de competencia municipal, incumprir a legalidade ou exceder o orzamento dispoñible para a área en cuestión).

Ademais, as persoas que quixeron deixar constancia do seu voto de xeito presencial puideron facelo ao remate do encontro, dando prioridade a un total de 10 propostas (doutra forma, o voto considérase nulo).

Cabe resaltar que para poñer en valor a solidariedade, a inclusión e contribuír a un concello socialmente equilibrado e sostible o Regulamento establece uns valores de ponderación que a Mesa de Propostas aplicou ás propostas que cumprían determinados criterios neste sentido. Os valores de ponderación dunha proposta incrementarán a cifra de puntos asignados na votación, aplicándolle un incremento porcentual sobre os puntos recibidos. É o caso da proposta nº 66 do Rural (Vehículo desbrozador con aspiración) que incrementará os puntos finais da votación nun 50%, ou a nº 67 (Paneis informativos unificados para a área territorial do rural), ambas presentadas dende a Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago.

Hoxe continúan as asembleas de decisión cunha nova cita no Centro Sociocultural do Castiñeiriño ás 20:15 horas para a área Sueste de Santiago (Sar, Pontepedriña, Restollal, Paxonal, O Castiñeiriño e Lamas de Abade).

Para poder participar e votar é preciso inscribirse previamente na web ou en persoa, 30 minutos antes do comezo do encontro.

A vindeira semana celebraranse as asembleas de Nordeste (luns 17 no CSC das Fontiñas) e Cidade (mércores 19 no CSCXM do Ensanche), ás 20:15 horas.
O prazo para votar remata o 26 de outubro para o Rural, Sueste, Nordeste e Cidade, e o 6 de novembro para Mocidade.

Neste momento hai 544 persoas inscritas na web. Computáronse xa 136 votos en total.

Pódese consultar o listado de propostas da área Rural e do Sueste no propio apartado de Propostas ou ordenadas por zonas nestes enlaces:

Direccións relacionadas



Compartir: