IGUALDADE

Remata o programa "Unha enxeñeira ou científica en cada cole"

07/10/2016 Seis colexios de Compostela participaron estas últimas semanas no programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, organizada pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC e o Concello de Santiago a través do Departamento de Igualdade.

A actividade tiña como finalidade visibilizar as enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), tradicionalmente asociadas ao mundo masculino.

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitou esta mañá o último dos obradoiros impartidos, que levaba por nome "Buscando estrelas". A encargada de impartilo no CEIP Pío XII foi a profesora de Astronomía da USC Josefina Ling. Marta Lois estivo acompañada da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez Pérez.

19 obradoiros
O programa consistiu en obradoiros didácticos destinados ao alumnado de 5º e 6º de primaria de seis colexios públicos, nos que se amosou a relación da ciencia e da tecnoloxía coa nosa vida cotiá e serviron para achegar o alumnado a estas disciplinas dun xeito lúdico. As encargadas de impartilos foron científicas e enxeñeiras da USC e do CESGA, referentes femininos que serven de modelos a nenas e adolescentes para motivalas nos estudos relacionados con estas disciplinas e caracterizados por unha baixa porcentaxe de alumnas.

Dende o 26 de setembro desenvolvéronse 19 obradoiros nos CEIPs Lamas de Abade, López Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei, Pío XII e Vite I. As temáticas foron moi variadas: programación, superordenadores, física divertida, xogos coa luz, informática visual aplicada á bioloxía, astronomía, pegada ecolóxica, realidade virtual e aumentada ou intelixencia artificial, entre outras.

Compartir: