CULTURA

Cineuropa reforza o seu compromiso co cine asiático coa proxección da mellor filmografía recente deste continente

09/11/2006 O maior festival de cinema independente de Galicia, Cineuropa, reforza este ano o seu compromiso co apoio das producións asiáticas a través da proxección dos mellores filmes recentes deste continente. Será na sección denominada "Mundo Asia".

O cine asiático xa tivo unha importante presenza en anteriores edicións do festival, pero ata agora non tivera unha sección específica. Malia que xa se está a proxectar o filme "The Host", o ciclo en si comezará o sábado 11. Polos seis espazos de proxección pasarán as mellores películas de acción, de terror, dramática se comedias filmadas neste continente.

Ás creacións dos dous xigantes asiáticos, China e Xapón, engádense as de Hong Kong, Thailandia, Singapur, Taiwan e, sobre todo, Corea do Sur, país que está a obter nos últimos anos o posto de motor da industria do cinema asiático. Así o destacou Carlos Portela, co-organizador deste ciclo e gran seguidor desta filmografía. Os espectadores poderán deixarse envolver pola narrativa libre e transgresora de directores da talla de Kim Ki-Duk, Park Chang-Wook, Takashi Miicke, Zhang Yimou ou Takeshi Kitano, autores, todos eles, de filmes avalados pola máis esixente crítica internacional e os festivais máis importantes.

Tamén o director do festival, José Luís Losa, amosou o seu entusiasmo por este ciclo. "O futuro do cine en boa medida está en Asia, pero case ningún festival se fai eco disto, salvo Sitges", apuntou. Acompañounos na presentación do ciclo o concelleiro de Cultura, Néstor Rego.

Compartir: