CULTURA

Máis de medio millar de persoas sae ás rúas de Santiago de Cuba para inaugurar o evento "Os Camiños de Santiago"

09/11/2006 "Santiago de Compostela e Santiago de Cuba borran as distancias e únense no evento Os Camiños de Santiago. Os nosos irmáns composteláns viñeron con moi boa vontade e boa arte a fundirse con nós na calor do Caribe". Así comezou Leandro Báez, presidente da Asociación Hermanos Saiz, a rolda de prensa na que se presentaba á cidade o intercambio cultural que se está a celebrar estes días en Cuba.

O evento, organizado por esta asociación de novos creadores e a promotora cultural compostelá A Onda Cerebral do Peixe, conta co apoio do Concello de Santiago, representado en Cuba por Elvira Cienfuegos. Esta lembrou que "moitos galegos e galegas estiveron en Cuba, onde se publicaron os primeiros libros na nosa lingua e onde se xestou o noso himno" polo que, asegurou, "para o Concello de Santiago é moi importante contribuír a que eses lazos de unión sexan aínda máis fortes apoiando encontros como este".

O teatro de Mofa e Befa, a música de Narf, o colectivo Pistacatro co seu novo circo, a mostra de audiovisuais de Kike Otero, e as danzas de Branca Novoneyra e Pati Blanco, encherán as prazas e rúas de Santiago de Cuba durante unha semana. As súas actuacións, e as de novos artistas santiagueros, confraternizarán durante este tempo neste xa terceiro encontro entre as culturas de ambos Santiagos, nunha colaboración que se espera continuar nos vindeiros anos.

A inauguración do evento foi unha festa na cidade. Máis de medio millar de persoas saíu á rúa a bailar ao son da Conga santiaguera e a gozar co espectáculo de Diabluras en Rojo e co novo circo de Pistacatro. Logo da inauguración, a festa continuou cun concerto nas escalinatas do Museo Bacardí, onde se puido escoitar música cubana e galega. Para pechar o día, Mofa e Befa achegou o seu "Sempre ao Lonxe" aos santiagueros, que encheron o Cabildo Teatral e gozaron coa actuación de Vítor Mosquera, Evaristo Calvo e Piti Sanz. Un excelente comezo para un encontro que se prolongará ata o día 14, enchendo Cuba de cultura galega.

Compartir: