TURISMO

O tráfico de Lavacolla medra un 18% respecto a outubro de 2005

08/11/2006 Segundo estimacións de Turismo de Santiago, o aeroporto compostelán rexistrou o mes de outubro uns 180.000 viaxeiros, o que supón unha suba do 18% respecto ao mesmo período en 2005 e unha media de crecemento acumulado do 9,5% no que vai de ano. Estas satisfactorias cifras únense ás de ocupación hoteleira, que alcanzaron o 61,6%.

De acordo coas cifras subministradas polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela, e que deberían confirmar as estatísticas que emita AENA, o aeródromo da cidade chegará con toda probabilidade aos dous millóns de viaxeiros ao finalizar 2006. Así, cos 180.000 estimados para outubro acumularía xa preto de 1.700.000.

O crecemento do 18% rexistrado en outubro é o terceiro máis forte do ano, despois do 25% de xaneiro e do 23,2% alcanzado en abril. Estes datos, segundo Candela, confirman a Lavacolla como aeroporto de referencia e consolidan os investimentos previstos na nova torre de control e na futura terminal.

Ocupación hoteleira

En canto á ocupación hoteleira, e de acordo cos datos presentados pola Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca, no mes de outubro os establecementos hoteleiros da cidade rexistraron unha ocupación media do 61,6%, que supera en seis puntos a do mesmo mes do ano pasado (55,6%). A cifra tamén deixa atrás á ocupación media de xullo deste ano, que foi do 60,41%.

Pero ademais, dado que os hoteis de 3, 4 e 5 estrelas contan cun total de 3.742 prazas -200 máis que no 2005- pode calcularse que lograron facturar 77.942 noites de aloxamento, é dicir, 13.250 máis que no mesmo mes do 2005, cando se contabilizaron 64.692. A diferencia representa un crecemento do 20% nas pernoctacións do segmento superior de aloxamento.

Máis consultas turísticas que no Ano Santo

A oficina central de información turística municipal atendeu en outubro 13.086 consultas, un 36% máis que en outubro do 2005, cando rexistrou 9.604, e un 2% máis que no mesmo mes do Ano Santo 2004, cando rexistrou 12.876.

Nesa cifra, os visitantes estranxeiros seguen superando en presenza aos nacionais, pois xeraron o 55% das consultas atendidas, pasando das 5.274 de outubro do 2005 ás 7.184 do pasado mes. Isto supón un crecemento do 36% e supera incluso nun 31% as 5.496 consultas de estranxeiros de outubro do ano Santo. As consultas dos españois (5.053) medraron un 38% en relación con outubro do 2005. En cifras acumuladas, a oficina municipal da rúa do Vilar totaliza 149.268 consultas, un 27% máis que nos dez mesmos meses do 2005 e un 9% máis que nese período do 2004.

Entre os emisores estranxeiros destacan este mes Alemaña, con 1.533 consultas e un crecemento do 78% sobre outubro do 2005; Reino Unido con 1.407 consultas e unha suba do 51%; Francia, con 987 consultas e un 30% máis de presenza que o ano pasado, e Italia, que sube o 52%. Destacan tamén os crecementos de Canadá (43%), que se sitúa por primeira vez en quinto lugar da lista, por diante de Portugal; e os de Irlanda (152%) e Polonia (134%).

Entre as comunidades autónomas españolas mantéñense como principais emisoras Madrid , Valencia e Cataluña e Andalucía, que amosan crecementos respectivos do 53%, 60%, 19% e 20% sobre outubro do 2005. Destaca tamén o espectacular aumento das consultas dos visitantes das Illas Baleares (109%) e das Canarias (93%).

Dársena de autobuses e páxina web

A dársena de autobuses de Xoán XXIII recibiu o pasado mes 1.281 autobuses, un 6,9% maís que no 2005 e un 48,8% menos que no ano Santo. O total de vehículos acumulados este ano é de 9.887, un 1,7% máis que no mesmo período do 2005.

Finalmente, os accesos á web suman un total de 84.911 durante outubro do 2006, un 171% que no ano 2005. O total de accesos acumulados é de 690.605, co que, a estas alturas do ano, se superan amplamente os accesos totais rexistrados en 2005 e 2004.

Compartir: