CULTURA E DEPORTES

O mellor hip-hop no Multiusos de Sar

08/11/2006 O venres 10 de novembro celebrarase no Multiusos de Sar a cuarta edición do Microfest. O festival, que conta coa colaboración do Concello de Santiago, contará coa presenza de Tote King, Juaninacka, Mucho Múchacho e Violadores del Verso. O evento contará tamén cunha serie de actividades paralelas. A entrada para para o Microfest custa 25 euros de forma anticipada e 28 euros en taquilla.

Os concertos comezarán ás 19:00 horas e prolongaranse máis alá das 3:00. Pero os que se despracen ata Sar poderán gozar doutros eventos, como un campionato de baloncesto 3x3, unha variante deste deporte na que equipos de tres xogadores en cancha e dous suplentes xogarán entre eles na modalidade de eliminación directa.

Para os amantes das acrobacias haberá exhibicións de BMX. Este deporte de risco consiste na execución de todo tipo de piruetas sobre unha bicicleta, no chan ou sobre unha rampa. Da exhibición encargaranse os Fun Bikers, un equipo que participa habitualmente en competicións internacionais.

O xoves 9, con entrada libre, está prevista a programación de dous filmes relacionados coa cultura do hip-hop: "Honey" e "You got served". Ademais, o Microfest acollerá as obras en forma de graffiti dos seis finalistas do certame de novos creadores "Gzcrea".

O evento foi presentado no propio Multiusos do Sar polos concelleiros de Cultura, Néstor Rego, e de Deportes, Manuel Portas. Na rolda tamén estivo Rubén Cela, director xeral de Xuventude e Solidariedade; Santi Cuadrado, xerente do Multiusos; e Lucila Pernas, produtora do evento.

Compartir: