POLÍTICA LINGÜÍSTICA

O Premio Manuel Beiras gratificará unha edición máis os esforzos en prol da normalización do galego

08/11/2006 O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan unha nova edición do Premio Manuel Beiras. Este galardón outorga un recoñecemento público ao esforzo de normalización do uso do galego no sector empresarial.

O concelleiro de Política Lingüística, Manuel Portas, e o vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Carracedo, presentaron esta convocatoria, que distinguirá ás empresas que fagan un uso normalizado da lingua galega nas súas actividades comerciais e de comunicación. Existen dúas categorías, unha para as empresas que leven feito un uso continuado do galego e outra para os que se incorporaron recentemente. Os interesados teñen ata o 23 de novembro para presentar as súas solicitudes e así optar a un premio de contido simbólico: unha escultura creada especialmente por Acisclo Manzano, que se entregará aos galardoados nun acto protocolario en decembro no que participarán institucións, empresarios e diversas entidades.

Manuel Portas destacou a alta participación que tivo este certame en anteriores edicións, nas que xa se entregaron 21 premios, entre eles seis distincións. Ademais, indicou a "o incremento que se está rexistrando no uso do galego no comercio".

As empresas e comercios premiados poderán amosar a través da súa publicidade ou nos propios establecementos a posesión deste galardón, como unha garantía máis de que respectan o idioma galego.

Para participar só e preciso cubrir un formulario que se pode recoller na Oficina de Atención ao Público do Concello ou na Cámara de Comercio e entregalo de novo en calquera destas dúas entidades. Recoméndase presentar tamén documentación que apoie a candidatura e que demostre o emprego do galego na actividade empresarial do solicitante.

O Premio Manuel Beiras lembra a figura deste histórico comerciante compostelán, que destacou pola súa loita en prol da lingua e da cultura galega.

Documentos relacionados



Compartir: