ALCALDÍA

O alcalde asiste á X Edición de "Barcelona Meeting Point"

07/11/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, desprazarase na xornada do mércores 8 á cidade condal para asistir á X Edición de "Barcelona Meeting Point", un encontro cuxa sesión plenaria versará sobre arquitectura e urbanismo, e que contará coa presenza de relevantes figuras internacionais nestes campos. O xoves, o rexedor santiagués visitará Casa Asia, unha entidade que promove a cooperación entre Europa e os países asiáticos.

"Os grandes equipamentos como motor de transformación e rexeneración urbana" é o título do debate que centrará a sesión plenaria desta nova edición de "Barcelona Meeting Point". O encontro celebrarase o mércores 8 de novembro a partir das 6 da tarde na Fira de Barcelona, emprazada na Praza de España.

No coloquio intervirán os arquitectos Ricardo Bofill, David Chipperfield, Jean Nouvel e Dominique Perrault, e terán como moderador ao tamén arquitecto Luís Alonso. Neste foro, os mencionados expertos analizarán as consecuencias que os novos e potentes equipos dotacionais provocan nos contornos urbanos onde se ubican.

Ademais do alcalde compostelán, achegaranse ata a "Barcelona Meeting Point" os rexedores doutras moitas cidades españolas e estranxeiras, entre eles os de Lisboa, Bucarest e Salvador de Bahía. Os mandatarios asistirán despois a unha cena conxunta que lles ofrece o presidente do evento, Enrique Lacalle, e o presidente da empresa colaboradora Realia, Ignacio Bayón.

Xosé A. Sánchez Bugallo aproveitará a estancia na cidade condal para visitar, o xoves día 9, Casa Asia, unha institución que nace co obxectivo prioritario de promover e realizar proxectos e actividades que contribúan a un mellor coñecemento e ao impulso das relacións entre España e os países de Asia y do Pacífico, nos ámbitos institucional, económico, académico e cultural.

O alcalde será recibido polo director xeral da institución, Ion de la Riva, que acompañará ao rexedor compostelán na súa visita polo Palau Baró de Quadras, a sede da entidade en Barcelona, co fin de mostrarlle as instalacións e presentarlle o equipo de Casa Asia. No encontro contemplarase a posibilidade de que Santiago entre a formar parte do Alto Padroado de Casa Asia.

Compartir: