ALCALDÍA

O Concello, satisfeito coa decisión do TSXG de reclamar a creación do cuarto xulgado do Social en Santiago de Compostela

18/08/2016 O Goberno local vén de manifestar a súa satisfacción despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reclamara a creación do cuarto xulgado do Social de Santiago. O alto tribunal galego incluíu esta demanda na súa memoria relativa a 2015, na que solicita seis novas salas para toda Galicia, unha delas a de Compostela. A súa creación xa fora reivindicada tamén polo Concello de Santiago, a través dunha declaración institucional aprobada no pleno ordinario do pasado mes de novembro.

O texto aprobado por unanimidade dos catro grupos da Corporación facíase eco do informe elaborado polo Colexio de Avogados de Santiago sobre a situación dos xulgados do Social de Compostela. Ese documento, asinado polo decano dos avogados, Evaristo Nogueira, xa advertía que as tres salas do Social de Santiago atendían unha media de máis de 1.100 asuntos anuais, cando o Consello Xeral do Poder Xudicial recomenda a creación dun novo xulgado a partir dunha media de 735 asuntos. Ademais, o informe do Colexio de Avogados lamentaba que, ao peche de 2014, cada unha das tres salas do Social de Santiago tiveran pendentes de resolver unha media de 1.804 casos.

O Goberno local entende que a petición do TSXG na súa memoria de 2015 é un importante paso máis para que finalmente Santiago conte co novo xulgado do Social, se ben a decisión última sobre a súa creación correspóndelle ao Ministerio de Xustiza.

Compartir: