ALCALDÍA

O alcalde inicia contactos coa Xunta para abordar a situación das parroquias afectadas polos incendios forestais

17/08/2016 O alcalde iniciou hoxe contactos coa Xunta de Galicia para abordar a situación de San Xoán e Santa Cristina de Fecha, as parroquias máis afectadas polos incendios forestais da semana pasada. Martiño Noriega mantivo unha conversa telefónica coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que se comprometeu a estudar as posibles medidas adoptar, tanto co Concello como cos representantes das zonas arrasadas polas lapas. O rexedor expresou a súa vontade de "traballar de xeito coordinado entre as distintas administracións, cada unha no marco das súas competencias, para lle dar unha resposta á veciñanza afectada polos lumes".

O alcalde tamén se puxo en contacto esta mañá co presidente da Asociación de Veciños Nosa Señora de Belén de Santa Cristina de Fecha, José Conde, e co presidente da Asociación de Veciños de San Xoán de Fecha, José Manuel Fraga. Martiño Noriega deu conta aos representantes veciñais da conversa mantida coa conselleira de Medio Rural, e comprometeuse a mantelos informados sobre os pasos que se vaian dando en relación ás zonas afectadas polos lumes. Nesa liña, a vontade do Goberno local é a de reunirse nos próximos días cos colectivos veciñais.

Tamén o concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, fixo hoxe un chamamento ao traballo coordinado entre as administracións para loitar contra os incendios forestais "non só nos meses do verán senón tamén, e sobre todo, nos do inverno". O edil adiantou que está traballando nun programa municipal de prevención de cara aos próximos meses, "no que queremos implicar ao movemento veciñal, co obxectivo de que o monte estea o máis limpo posible para reducir o risco de lume". Rafael Peña volveu gabar o traballo de extinción no caso do incendio de San Xoán e Santa Cristina de Fecha, que calcinou 825 hectáreas do termo municipal de Santiago e doutros concellos limítrofes.

Compartir: