DEPORTE

Máis de 30 persoas participarán nunha nova marcha ciclista de Special Olympics Galicia

17/08/2016 As rúas de Santiago serán escenario o próximo domingo da terceira das Marchas Ciclistas Unificadas de Galicia, que organiza Special Olympics. A proba foi presentada en rolda de prensa polo concelleiro de Deporte, Rafael Peña; a xerente de Special Olympics Galicia, Eunice Mosquera; e un dos deportistas que vai participar na proba, Jesús Cabo.

As Marchas Ciclistas Unificadas son unha actividade pioneira no país, pensadas para que nelas participen deportistas con e sen discapacidade intelectual. Deste xeito, as probas convértense en xornadas de convivencia, que difunden unha imaxe positiva e respectuosa das persoas con diversidade e eliminan as barreiras e estereotipos que dificultan a súa integración. Nese sentido, o concelleiro de Deporte, Rafael Peña, puxo o acento no "afán de superación que nos mostran as e os atletas que participan nas probas organizadas por Special Olympics, que son quen de facerlles fronte aos obstáculos que van atopando no camiño". O edil animou á cidadanía a saír á rúa para apoiar aos corredores, ao tempo que agradeceu o traballo dos voluntarios e voluntarias que permiten que se desenvolvan iniciativas coma esta.

A Marcha Ciclista Unificada de Santiago celebrarase o domingo 21 de agosto, despois das probas de Ourense (19 de agosto) e Lugo (20 de agosto). Ás 10:45 terá lugar o acto de inauguración na praza do Obradoiro, ás 12:30 está prevista a saída da carreira desde o Monte do Gozo, e ás 14:30 será o acto e clausura, novamente na praza do Obradoiro. O percorrido será de 15 quilómetros, cunha proba adaptada dun quilómetro final.

Está previsto que na marcha participen medio cento de persoas, entre atletas e adestradores, procedentes de Compostela, Cee, A Coruña e Lleida. Os deportistas con discapacidade intelectual que participarán nestas marchas pertencen ás entidades de ASPAS (Santiago de Compostela), ASPRONAGA (A Coruña), ASPADEX (Cee), ADCOR (Coruña) AS BURGAS (Ourense) e CHAMORRO (Narón). Os deportistas galegos estarán acompañados por unha delegación de atletas de Special Olympics Cataluña, chegados de Lleida, e que participarán nas 3 rutas. Ademais, contarase coa colaboración de clubs como C.C Monte Bravo, C.C.Pedal, BTT Ultreia, Voluntarios Unificados de Special Olympics Galicia e Voluntarios do Club Xuvenil La Salle de Santiago de Compostela.

Persoas con moitas capacidades
A xerente de Special Olympics-Galicia explicou que a do domingo será a terceira edición desta proba ciclista en Santiago, a cuarta no conxunto de Galicia. Eunice Mosquera incidiu en que a carreira "permite amosar as moitas capacidades das persoas con discapacidade intelectual, mostrar a súa superación persoal, e promover a convivencia". Nesa liña, un dos deportistas que vai participar na Marcha Ciclista, Jesús Cabo, sinalou que para el e para os seus compañeiros o máis importante "é a amizade que facemos nos adestramentos e nos días da carreira". O mozo tamén pediu o apoio da cidadanía no día da proba, "porque igual que a xente vitorea aos xogadores do Obradoiro no Multiúsos, nós tamén o merecemos".

Special Olympics
Special Olympics Galicia é a Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de Persoas con Discapacidade Intelectual, constituída no ano 2000 por acordo de 17 asociacións das catro provincias galegas.

O obxectivo de Special Olympics Galicia é conseguir a inserción social do colectivo de persoas con discapacidade intelectual, mediante a cultura, a práctica deportiva, o lecer e calquera outra actividade que axude a cumprir os Estatutos, carecendo esta de ánimo de lucro. Ao longo do ano, esta asociación organiza diversas actividades nas que inclúe diferentes disciplinas deportivas (fútbol sala, baloncesto, atletismo, ximnasia rítmica, natación, etc). Ademais, as actividades organizadas son de ámbito provincial, autonómico e estatal, promovendo a súa participación en ámbitos internacionais.

Direccións relacionadas



Compartir: