MEDIO RURAL

O Concello segue colaborando con todos os seus recursos nos labores de extinción do lume declarado este mércores en Fecha

11/08/2016 O concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, informou en rolda de prensa da situación a media mañá deste xoves do incendio declarado onte mércores na parroquia de San Xoán de Fecha, que tamén se estendeu á veciña Santa Cristina de Fecha e á parroquia de Tapia, xa no municipio de Ames. O Concello segue colaborando coa Xunta nos labores de extinción deste lume, que segue activo e que xa queimou en torno ás 500 hectáreas.

Rafael Peña lembrou que o incendio se orixinou no lugar do Bachao, na parroquia de San Xoán de Fecha, estendéndose posteriormente ao lugar do Roxido, xa na veciña Santa Cristina de Fecha. Na zona do Bachao permanece un foco activo, e outro tamén na parroquia de Tapia (Ames), a onde tamén se propagou o lume.

Dende o primeiro momento -explicou o edil- o Concello mobilizou todos os seus recursos de Bombeiros, Policía Local e Protección Civil para colaborar co operativo de extinción da Xunta de Galicia. Esa colaboración foi destacada por Rafael Peña na súa comparecencia.

O incendio obrigou a desaloxar das súas casas a uns 20 veciños e veciñas do Roxido e Vilar de Rei, aos que se lle facilitou o local social de Lamascal. A unha persoa que non atopou lugar onde pasar a noite tamén se lle ofreceu unha alternativa habitacional.

Durante a noite, tres patrullas da Policía Local e os Bombeiros, cun camión e un vehículo lixeiro, velaron para que o lume non se volver a achegar ás casas.

Compartir: