EDUCACIÓN E MOCIDADE

Os mozos e mozas de Compostela teñen unha cita na Alameda co programa "Xuventude, moito que dicir"

07/11/2006 O Concello de Santiago e a Fundación "la Caixa" poñen en marcha unha serie de iniciativas para os mozos e mozas de Santiago, a través dun programa xenérico que leva por título "Xuventude, moito que dicir". Trátase dun programa itinerante que recoñece e destaca o papel activo dos máis novos na construción da sociedade e que promove entre eles valores éticos e de convivencia como a responsabilidade, o compromiso, o esforzo e o civismo.

Estes valores recóllense nunha exposición situada nunha carpa de 300 metros cadrados na Alameda compostelá, que percorre os acontecementos máis significativos que marcaron a evolución e as ideas das sete xeracións do século XX, ofrecendo pautas para o diálogo e o entendemento. Estará en Compostela do 7 ao 27 de novembro. A mostra foi inaugurada nun acto no que participaron, entre outros, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo; o delegado xeral de "la Caixa" en Galicia, Jesús Ángel de la Pedraja; e o secretario xeral da Fundación "la Caixa", Lluis Reverter.

O programa "Xuventude, moito que dicir" está composto por unha exposición, talleres educativos, actividades familiares e distintas propostas de participación dirixidas aos mozos, ás familias, aos educadores e á poboación no seu conxunto. Neste sentido, a mostra recoñece á xuventude como unha parte necesaria e fundamental da cadea social, reafirmando o carácter transformador que sempre caracterizou aos novos, resaltando a importancia dos seus valores fronte os riscos e retos aos que se ven sometidos e, ademais, fomentando condutas en favor da convivencia.

"Nada resulta demasiado difícil para a xuventude" (Sócrates, 470-399 a.C.), "As iniciativas da xuventude valen tanto como a experiencia dos vellos" (Josephine Knorr, 1827-1908), "A disciplina é a parte máis importante do éxito" (Truman Capote, 1924-1984) son algunhas das citas que se reproducen no módulo introdutorio da exposición da Obra Social "la Caixa" e na que el visitante poderá coñecer algunhas das máis lúcidas reflexións sobre a xuventude de todos os tempos.

O diálogo, fonte de tolerancia e comprensión

O século XX viu sucederse cronoloxicamente a sete xeracións. Cada unha delas, máis que pola súa data de nacemento, vén definida polos trazos ou circunstancias que marcaron a súa xuventude. A exposición percorre no Espazo Interxeracional a evolución destas sete grandes xeracións: a xeración de entreguerras (nados entre 1901 e 1910), a xeración da Guerra (nados entre 1910 e 1924), a xeración silenciosa (nados entre 1925 e 1945), a xeración do baby-boom (nados entre 1943 e 1960), a xeración X (nados entre 1961 e 1981) e a xeración @ (nados entre 1980 e 2000)

No Espazo Interxeracional, que presenta unha selección dos feitos máis significativos do século XX, calquera persoa pode atopar referencias á súa xuventude. En particular destacan aqueles acontecementos que máis influíron nos mozos de cada época, así como as letras musicais que chegaron a converterse en emblemas e himnos cos que se identificaron as distintas xeracións. "Blame it on my mouth" (Nat King Cole), "Al vent" (Raymon), "Times are changing" (Bob Dylan), "We are the World" (Michael Jackson), "Tan joven y tan viejo" (Joaquín sabina) ou "99 problems" (Jay Z) son algunhas das cancións cuxa mensaxe central xira en torno á xuventude. Xunto a elas, dende a gramola máis tradicional ao último modelo de MP3.

A recreación da xuventude na gran pantalla do cine tamén ten a súa representación neste apartado a través de películas como "The Big Parade" (King Vidor, 1925), "Los olvidados" (Luis Buñuel, 1950), "Mourir à 30 ans" (Romain Goupil, 1982) ou "El milagro de Candeal" (Fernando Trueba, 2004).

En mans dos mozos

O mundo ten hoxe o maior número de mozos de toda a súa historia, con case a metade da poboación con menos de 25 anos de idade. Non obstante, os informes de Nacións Unidas evidencian as desigualdades a escala mundial. No mundo, máis de 130 millóns de mozos son analfabetos e o 41% da poboación mundial desempregada son mozos. En España, as taxas de paro xuvenil son o dobre que as dos adultos.

A exposición reflicte nun dos seus ámbitos unha pirámide de poboación proxectada ata 2050 que pon de manifesto o progresivo envellecemento da poboación e a crecente responsabilidade social dos novos.

Retos e riscos da xuventude

Na carpa da Alameda tamén haberá un gran escaparate a modo de posto de prensa no que o visitante terá acceso ás noticias máis recentes publicadas en torno aos mozos. Este dá acceso ao modulo "Retos e riscos", no que unha sucesión de pantallas analiza, verificadas as inquietudes, as principais ameazas que segundo os estudos se cernen sobre a xuventude actual: accidentes de tráfico, drogas, alcoholismo e SIDA. Xunto aos riscos, os retos, dende unha dobre perspectiva, a dos pais e a dos fillos.

En Menos de 30 recóllense testemuños reais nos que adolescentes actuais relatan en menos de 30 segundos a súa visión da vida. Nesta mesma sala, os visitantes poden deixar constancia escrita das súas inquietudes e proxectos de futuro, así como das súas reflexións sobre valores.

A mostra ofrece no módulo de saída un compendio de recursos, informes e directorios actualizados, a partir dos que ofrecer pistas e información de interese en torno ao tema a todos os interesados. A oferta inclúe talleres educativos, actividades familiares e diferentes propostas de participación dirixidas aos mozos e mozas.

Compartir: