MEDIO AMBIENTE

O CIAC ofrece varias actividades para soportar a calor nos meses de verán

03/08/2016 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) continúa coas súas portas abertas durante o mes de agosto e faino ademais ofrecendo varias actividades para todos os públicos.

De martes a venres, de 17:00 a 19:00, e sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas, poderase coñecer a exposición permanente do centro que leva por título Unha visión ambiental de Compostela. Ademais, o CIAC ofrece dúas actividades específicas para este mes de agosto.

O sábado 20, a partir das 17:00 horas, terá lugar o Obradoiro refrescante de granizados responsables, onde as persoas participantes coñecerán o percorrido que fan os alimentos e que compoñentes conteñen os produtos que se mercan, ao mesmo tempo que aprenden a elaborar granizados de froita fresca.

O seguinte sábado, día 27 de agosto, a partir das 12:00 horas, será a quenda do roteiro polo parque de Belvís para coñecer máis polo miúdo a riqueza natural que temos espallada polo noso concello. Os nosos parques son moito máis que espazos verdes. Neles desenvólvense moitas actividades que enriquecen non só a biodiversidade da nosa cidade, senón tamén a oferta de actividades, o noso ocio, a nosa forma de relacionarnos. Ofrécese unha camiñada polo parque de Belvís para coñecer todas as funcións coas que nos agasalla.

Para as tres actividades hai prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente no teléfono 981 543 145 ou en ciac@santiagodecompostela.gal.

Compartir: