CULTURA

Nova edición do Premio de investigación sobre o traxe tradicional galego "Antonio Fraguas"

07/11/2006 Na primeira quincena de decembro fallarase o XII Premio de investigación sobre o traxe tradicional galego "Antonio Fraguas", o único deste tipo existente na Comunidade Autónoma. Nesta edición, o galardón, que busca divulgar o máis amplo coñecemento do traxe galego, contará cun orzamento de 2.400 euros, dos que 1.800 se destinarán a premios.

A convocatoria foi presentada polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, que salientou a importancia do traxe galego entre os elementos da "identidade galega". Ao mesmo se referiu a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Domínguez, quen tamén resaltou a "cantidade de xente nova" implicada na recuperación desta roupa tradicional.

Establécense dous premios, un para os traballos descritivos, cunha dotación de 600 euros, e outro para os analíticos, con 1.200. Os descritivos son aqueles que, recuperando traxes, especifiquen cuestións como a materia na que están feitos, o lugar onde se atoparon e no que están actualmente ou a época da que son. Os traballos analíticos achegarán máis elementos de investigación sobre a súa procedencia e elaboración, e mesmo sobre as crenzas e valores relacionados co traxe e a súa influencia en ámbitos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos.

Os premios, que un ano máis contan coa colaboración do Centro Comercial Compostela, serán outorgados por un xurado composto por Xosé Manuel Reboredo, do Consello da Cultura Galega, Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Felipe Senén López Gómez, da Deputación da Coruña; e Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro. A entrega dos galardóns realizarase nun acto na Casa do Concello.

Néstor Rego anunciou tamén que o Concello vai colaborar para que tanto os traballos do ano pasado como os deste poidan recollerse nunha publicación.

Documentos relacionados



Compartir: