FACENDA

Os Orzamentos Participativos de Santiago de Compostela estrean páxina web

20/07/2016 Xa está activa decide.santiagodecompostela.gal, a web dos primeiros Orzamentos Participativos Compostela Decide. Esta web informará do proceso dos OP iniciado hai unhas semanas coas primeiras xuntanzas do grupo motor que co deseña o impulsa os Orzamentos, e onde participaron colectivos veciñais, tecido asociativo, partidos políticos (que conforman o Consello de Relacións Veciñais) e persoas a título individual.

A plataforma, que presentou hoxe a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, xunto a persoal do equipo técnico, recollerá tanto as propostas que se fagan e debatan nos encontros e asembleas das asociacións e nos locais socioculturais como as que se rexistren no apartado de Propostas. A data límite para propoñer é o 14 de setembro.

Aínda que o óptimo é a participación presencial -xa que, como se explica na web, o contacto directo "permítenos construír colectivamente"-, a plataforma Compostela Decide contempla tamén un rexistro en liña para propoñer investimentos e, na última fase do proceso, priorizar as iniciativas que a cidadanía considere máis oportunas.

Seguimento integral do proceso
decide.santiagodecompostela.gal é unha ferramenta sinxela e intuitiva que explica polo miúdo que son os Orzamentos Participativos (OP) e como se reparten 1.100.000 euros que o Goberno local pon a disposición da veciñanza para 2017 do total do orzamento municipal.

Contén o regulamento que articula o funcionamento dos OP proposto polo actual Goberno local e o equipo técnico coas achegas e emendas do grupo motor para os puntos básicos de arranque, realizadas nos encontros previos á fase propositiva que agora comeza.

Precisamente, este grupo motor aprobou que calquera persoa maior de 16 anos poderá facer propostas pero á hora de escollelas terá que estar inscrita no padrón ou ben acreditar que está cursando estudos na cidade.

Ademais das regras de xogo, este espazo de seguimento integral dos Orzamentos Participativos irá informando puntualmente das datas das asembleas e encontros nos locais das asociacións ou nos centros socioculturais da cidade, e de todas as novidades relativas ao proceso.

Polo de agora foron dúas as asociacións que solicitaron unha xuntanza co equipo técnico: a asociación veciñal Coto da Nai, de Aríns, e a da Gracia. As asociacións teñen de prazo ata o 27 de xullo para solicitar encontros co equipo técnico.

A próxima asemblea presencial aberta a toda a cidadanía será o xoves 28. A hora e o lugar anunciaranse nos próximos días nos medios de comunicación e na web.

Transparencia e verificabilidade
decide.santiagodecompostela.gal permite acceder ás propostas que a persoa usuaria seleccione, polo que pode facer un seguimento das mesmas. Ademais, cando unha persoa emite a súa escolla xérase un código QR. Ninguén, a excepción da persoa usuaria, pode exercer o voto, que está cifrado.

Por outra banda, a plataforma decide.santiagodecompostela.gal grava todas as operacións realizadas, por tanto é susceptible de control interno e/ou externo en calquera momento. Ademais, o número de apoios recadados por cada proposta é visible en tempo real.

OP para investimentos e OP para actividades
A cidadanía poderá escoller para 2017 investimentos de cidade, útiles para o conxunto do municipio, que abranguen zonas amplas da cidade ou que afectan a varios barrios.

A maiores, unha parte dos Orzamentos Participativos utilizan unha delimitación provisional e limitada de áreas baseada nos resultados dunha enquisa feita a comezos de ano polo goberno local. A partir dos barrios, parroquias e entidades identificadas polas persoas participantes na enquisa, e coa limitación técnica que o seccionado electoral en vigor supón para o control das votacións, definíronse tres áreas: Sueste (Sar-Pontepedriña-Restollal-Paxonal-O Castiñeiriño-Lamas de Abade), Nordeste (As Fontiñas-Camiño Francés-Monte dos Postes-As Cancelas-San Lázaro-Amio-O Viso) e Rural.

A selección das áreas deste ano realizouse atendendo a varios criterios: a coincidencia cos distritos urbanísticos sinalados no Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente, as necesidades de infraestruturas en zonas carentes de servizos básicos ou derivadas da expansión urbanística e demográfica da cidade, e o reequilibrio territorial. O obxectivo é que os OP cubran o 100% do Concello nun período de tres anos, rotando e ampliando as zonas seleccionadas en cada exercicio orzamentario.

Á parte, 100.000 euros destinaranse a actividades que a mocidade (persoas de entre 16 e 35 anos) propoña, valore e escolla, e que van formar parte do gasto corrente. Isto significa que se destinarán a actividades que poidan ser desenvolvidas en 12 meses ou menos, continuando co proxecto piloto do ano pasado.

Direccións relacionadas



Compartir: