INFRAESTRUTURAS

O Concello solicita a Fomento unha prórroga do convenio de estradas urbanas para rematar as obras pendentes

06/11/2006 O Goberno local acordou solicitar ao Ministerio de Fomento a prórroga do Convenio para o financiamento das obras de mellora dos tramos urbanos da rede de estradas do Estado en Santiago ata decembro de 2007. O obxectivo é que se poidan executar as obras correspondentes aos puntos quilométricos 61,995 ao 62,940, da N-550 (tramo do carril de servizo entre a rotonda de Fontiñas e a da Avenida de Lugo).

As obras neste tramo non se puideron realizar debido ao desenvolvemento dos polígonos 5, 6 e 7 de Fontiñas, xa que esta vía delimita aos mesmos. Por iso, quedan pendentes de execución 236.448 euros.

O convenio subscrito en maio de 2003 co Ministerio de Fomento contempla a realización de obra de rehabilitación superficial e mellora, co fin de lograr unha maior capacidade e fluidez na circulación. Pretendíase darlle a estas estradas características netamente urbanas que permitiran a súa inclusión no viario municipal. Ademais, o Concello de Santiago acepta a transferencia da titularidade dos tramos afectados. O orzamento total achegado polo Ministerio é de 702.282 euros.

Compartir: