TRANSPORTES

Reordenación dos servizos de transporte comarcal na rúa da Rosa

06/11/2006 A Xunta de Goberno local aprobou a reordenación dos servizos de transporte urbano e comarcal que coinciden na rúa da Rosa. Deste xeito delimítanse as paradas en función das tres marquesiñas colocadas á altura dos números 8, 12 e 16 desta rúa.

Na parada correspondente ao número 8 quedará o punto de parada para os servizos de transporte urbano. Neste momento son sete as liñas de transporte urbano que chegan a este punto: L6, L9, L12, Santa Lucía, C4 e C5. Este punto garante aos usuarios unha óptima conexión con outros servizos de transporte urbano que teñen paradas cara a zona norte, na rúa Xeral Pardiñas, e con servizos comarcais con parada na mesma rúa da Rosa.

Na marquesiña situada fronte ao número 12 terán parada os servizos dos corredores de Cacheiras e Brión-Bertamiráns. Estes dous servizos terán horarios non coincidentes e, polo tanto poderán compartir espazo sen problemas. Finalmente, a parada do número 16 reservarase para os corredores de Milladoiro e Sigüeiro. O do Milladoiro é o servizo de maior frecuencia e a ubicación da marquesiña facilita a maniobrabilidade. Ademais, non se produce coincidencia horaria co de Sigüeiro.

Estas tres decisións responden a unha distribución lóxica de servizos e usuarios nas distintas zonas da rúa da Rosa e ao aproveitamento dos soportes informativos das marquesiñas. Ademais, a distancia entre as tres paradas é mínima, co que non existen ningunha incomodidade nin prexuízo a ningunha empresa ou usuario.

Itinerarios non autorizados

Tamén no eido do transporte, o Goberno local dará traslado á Dirección Xeral de Transportes das irregularidades producidas na concesión de transporte interurbano da empresa Autos Garabanxa, por interferir en liñas urbanas. En particular, constatáronse varias modificación do itinerario concesional sen autorización no servizo Santiago de Compostela-Son-Busto-Nemenzo, con saída e chegada na Estación de Autobuses. Tamén se detectaron irregularidades nos percorridos urbanos con parada de finalización na rúa da Rosa. Por este motivo, dende o Concello ínstase á Dirección Xeral de Transportes a que paralice os servizos non autorizados.

Compartir: