ACCIÓN CULTURAL

Ultimate Painting e El Monstruo, protagonistas da inauguración do "TerraZeando. Ciclo de concertos ao fresco"

29/06/2016 Os sofisticados británicos Ultimate Painting e os galegos El Monstruo protagonizan o concerto inaugural do TerraZeando. Ciclo de concertos ao fresco, organizado pola asociación Desconcierto Cultural coa colaboración do Concello de Santiago. Será mañá xoves, a partir das 20:00 horas, no Parque Eugenio Granell, nunha actividade na que participan tamén o Resas, o bar do propio parque Eugenio Granell. Despois haberá unha sesión de música con Isaac Torgal. A entrada é libre.

El Monstruo é a criatura bicéfala formada por dous bos coñecidos da escena coruñesa: Dani Bembibre (ex-Ramalama, Electricats e Mistakens) á guitarra e Pablo Silva (Combo Dinamo) á batería. Nacida en 2010, é o resultado dunha condición: son sinxelo + os menos cacharros posibles + cancións das que te poidas acordar, xa que un dos obxectivos do dúo é darlle duro e que caiba todo nun coche. Boa declaración de intencións.

El Monstruo presentaron o seu primer EP en 2013, e entre os seus seguidores devotos está Diego RJ, que pinchouno con asiduidade e fruición nese gran faro do rock que é El Sótano de Radio 3. Seis cancións como serras, serras que cortan con precisión e que non esquecen que doutro lado do altofalante existe un o oínte que quere desfrutar, solazarse e retozar con esas cancións abrasaneuronas que son "Salvaje" ou "El hombre medicina", nas que van moito máis aló das sonoridades que os poden emparentar cuns Guadalupe Plata, presentes tamén no seu ideario. Están rematando o que será o seu primeiro LP.

Probablemente James Hoare o Jack Cooper non sexan nomes que nos sonen a priori; pero cando falamos de Veronica Falls, no caso do primeiro, ou Mazes, no do segundo, decontado nos damos conta que temos unha superbanda montada, Ultimate Painting. A isto hai que engadir un directo sólido como poucos, que con tan só dous discos sorprenderon a media crítica mundial, e que encandilan tanto a rockeiros coma aos fans do indie pop mais senlleiro.

Os británicos Ultimate Painting recuperan como ninguén o momento mais pop de The Velvet Underground; o xurdido tras a marcha de John Cale e que supuxo un paso adiante na busca do recoñecemento comercial. Deste xeito, nos seus dous álbums publicados ata hoxe recréanse nas atmosferas lánguidas, pero coa tensión soterrada e guitarras prístinas que tamén cultivaron xa clásicos coma Jonathan Richman & The Modern Lovers, os Television menos sofisticados ou The Feelies

Compartir: