ACCIÓN CULTURAL

Teatro del Arte presenta "Luciérnagas", sobre un texto de Carolina Román

29/06/2016 Despois da exitosa En construcción, escrita e protagonizada por Carolina Román e Nelson Dante e dirixida por Tristán Ulloa, e que puidemos ver en Compostela, Carolina Román presenta agora un novo texto: Luciérnagas. Da man de Teatro del Arte e protagonizado por Carmen Gutiérrez, Fede Rey e Jaime Reynolds, poderemos velo este xoves 30 de xuño e de novo o venres 1 de xullo, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Luciérnagas nace coa necesidade de asomarnos ao universo dos vínculos afectivos e ver dentro del como nos relacionamos dende a carencia. Como tecemos lazos fundamentais que nos fan familia a pesar de non selo; relacións que se nos volven de primeira necesidade nesta carreira de supervivencias, neste afán de aferrarnos aos afectos para non ser "un deses cans que ladran nas rúas baleiras.

Luciérnagas describe esa metade bicho e esa metade seres de luz que todos somos. Unha dualidade que non por sabida nos fai máis capaces de vernos e aceptarnos. Os personaxes que aquí dentro viven e conviven, móvense nesa delgada liña entre a soidade máis medular e a necesidade do outro, da entrega ao outro.

Que prezo pagamos cando decidimos fuxir cara adiante e deixamos de lado o amor? Que prezo pagamos cando nos aferramos á persoa que temos á beira polo simple feito de non estar sós?

Son algunhas das preguntas que expón este entretecido de relacións que van alimentando Alex, Yiyi e Julio e o resto de integrantes dun pobo atemporal, sen nome no mapa. Un lugar emocional, que non queda en ningunha xeografía pero vive dentro de nós como zona común, como abismo.

Así é como chega Yiyi a esa comarca perdida onde por fin atopa o seu lugar no mundo, onde se fan familia con Julio e Alex, dous irmáns orfos e criados nunha contorna hostil.

Sinopse
Luciérnagas é a historia de Julio e Alex, dous irmáns orfos que viven nun pobo apartado de todo. A chegada de Lucía espértaos á vida, dálles o voo e o aire fresco que necesitan sen sabelo, e Lucía atopa a terra que lle permite pousar por un momento ese voo incesante. Algo tan casual como o anuncio da apertura dun hostal, fai que estas vidas se atopen. Lucía chega a ese lugar recóndito porque cre nas sinais e este anuncio é unha delas. A partir de aquí, a vida é a que dispón dos fíos destes seres, que serán transformados para sempre.

Entradas
As entradas, teñen un prezo de 14 euros (12 euros entrada xeral se se paga con tarxeta Abanca e 10 € no anfiteatro) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Compartir: