ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "A implicación do Ministerio de Cultura supón un respaldo a nivel nacional para Cineuropa"

03/11/2006 Na súa habitual comparecencia dos venres para analizar a actualidade local, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, felicitouse pola decisión do Ministerio de Cultura de implicarse no festival Cineuropa. "Supón un respaldo a nivel nacional e o de Santiago pasa a ser un dos poucos festivais que conta coa colaboración directa do Ministerio", apuntou.

O departamento dirixido por Carme Calvo achegará á vindeira edición do festival 60.000 euros. Esta colaboración plasmarase na sinatura dun convenio entre o Concello de Santiago e o Ministerio de Cultura. Á marxe da cantidade económica, segundo o alcalde "o importante é o recoñecemento que isto supón".

O alcalde referiuse á edición deste ano, na que Cineuropa "se consolida e dá un salto cualitativo". Isto débese en boa parte á implicación económica da Xunta de Galicia, que colaborou para chegar a un orzamento duns 300.000 euros. Todo isto na liña de converter ao de Santiago no "festival de referencia en Galicia".

Cineuropa vén a contribuír "á consolidación de Santiago como referente importante a nivel cinematográfico, co que isto significa a nivel de proxección exterior e de oferta na propia cidade", engadiu. Neste sentido, puxo tamén como exemplo o festival Curtocircuíto ou o papel de Compostela como plató de cine.

O propio Sánchez Bugallo entregoulle un dos premios desta edición de Cineuropa ao músico Stephen Warbeck, compositor en películas como "Shakespeare in Love" ou "Billy Elliot". O acto celebrouse no transcurso do concerto inaugural de Cineuropa, no que a Real Filharmonía interpretou música clásica empregada no cine e composicións do homenaxeado.

Compartir: