ALCALDÍA

O alcalde confía en que os orzamentos municipais poidan aprobarse inicialmente o 30 de novembro

03/11/2006 No Pleno municipal do xoves 30 de novembro poderían quedar aprobados inicialmente os orzamentos municipais para 2007. Esta é a data na que confía o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que anunciou que o investimento previsto nos mesmos se achegará aos 105 millóns de euros.

O alcalde indicou que os orzamentos xa foron entregados ao BNG e que agora comezarán as reunións para chegar a un acordo. As contas do vindeiro ano experimentan un sensible incremento respecto ás de 2006, nas que o presuposto de gastos fora de 99.537.930 euros.

Orzamentos da Xunta

Sánchez Bugallo tamén falou dos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2007, nos que, tras analizalos polo miúdo, puido comprobar que se compren os compromisos anunciados con Santiago de Compostela. Sánchez Bugallo amosou unha vez máis a súa satisfacción por unhas contas que ascenden a 112.927.688 euros na cidade e na súa área.

O capítulo máis importante é o da Cidade da Cultura, para a que están presupostados 49.458.210 euros. Tamén no ámbito cultural, recóllense transferencias ao Consorcio de Santiago (6.490.932), e investimentos no Centro Galego de Arte Contemporáneo (1.000.000) e no Centro Superior Bibliográfico de Galicia (480.000).

No eido educativo, confírmanse as achegas para as reformas no hospital de Conxo (10.929.502), para o convenio coa Universidade de Santiago (1.000.000) e para o equipamento tecnolóxico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Os orzamentos tamén recollen os convenios do Concello coa Consellería de Medio Ambiente: o da estación da EDAR e dos colectores de Aríns (6.000.000), o de saneamento do rural (2.000.000) e o da estación de bombeo do Tambre (300.000).

En materia de solo, o alcalde referiuse ao investimento de 3.325.300 euros para a urbanización do Parque Empresarial Sionlla/Lavacolla e ao millón de euros destinado ao novo Parque Científico e Tecnolóxico. Tamén salientable é o compromiso coas boras no Mercado de Abastos, ás que a partida deste ano dedica 150.000 euros. A propósito destas obras, a intención do Concello é comezalas en 2007, aínda que "custará concluílas antes de finais de 2008 ou principios de 2009", apuntou o alcalde a propósito da complexidade da actuación, que obriga a compaxinar as obras coa actividade da Praza.

Finalmente, os orzamentos contemplan distintos investimentos viarios previstos, como o do convenio para a mellora de travesías (2.000.000) ou para a travesía Santiago-Ramallosa (13.000.000 euros). Ademais, o alcalde recordou dúas partidas, contempladas polas Consellerías respectivas para a construción do novo Colexio de Sar e dun polideportivo en Fontiñas.

Compartir: